Kafka contra Kafka

CULTURA

Franz Kafka (Praga, Bohemia, 1883-Kierling, Austria, 1924).
Franz Kafka (Praga, Bohemia, 1883-Kierling, Austria, 1924).

01 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Moitos grandes escritores citaron entre os seus mestres ó singular escritor Franz Kafka, nacido en Praga en 1883 e finado en Kierling (Austria) en 1924. A gran orixinalidade das súas obras, nas que fusiona elementos realistas con outros nidiamente fantásticos, existencialistas ou propios do teatro do absurdo, converteuno nun xenio sen comparanza, sobre todo en títulos como O proceso, O castelo ou O desaparecido. Son obras polas que tivo ben merecido un premio Nobel que nunca lle deron.

Non obstante, a realidade non impediu que a influencia de Kafka se estendese pola mellor literatura posterior a el. En Europa, Albert Camus e Jean-Paul Sartre son moi debedores da súa obra, e entre os latinoamericanos, figuran o gran Jorge Luis Borges e o ousado e xenial Gabriel García Márquez. Hai páxinas de Cien años de soledad que conteñen un eco inequívoco do Kafka nacido nunha Praga daquela aínda austrohúngara. Porque todo o mellor de Kafka está tamén no sentimento existencialista, fantástico e absurdo (dito isto no sentido en que Beckett, Ionesco e Adamov apelidaron o seu teatro).

Kafka produciu unha literatura existencialista de natureza tamén expresionista. O que o converteu en autor dun estilo literario propio, con contidos concibidos desde unha perspectiva autobiográfica. De feito, cabería dicir que nunca deixou de profundar e falar de si mesmo, co conseguinte aporte de dor, culpa e inquedanza vital. Porque non estamos ante un ser indolente ou reiterativo. Moi ó contrario, Kafka era o que hoxe xustamente chamamos kafkiano. É dicir, un escritor do insólito, do absurdo e da inquedanza que conmovía o seu propio espírito. Case todo o contrario do que é un home tranquilo e feliz.

De feito, a súa obra salvouse porque o seu amigo Max Brod, desoíndo o desexo do autor, impediu que os escritos fosen destruídos, para que puideran ver a luz que tanto merecían, como acreditou a posteridade. De feito, a Max Brod chamóuselle «o bo traidor» porque ousou contrariar a vontade dun xenio desesperado. Mais, grazas a el, hoxe Kafka segue a ser indispensable.