Mexendo na memoria

CULTURA

Concerto de Luar na Lubre, en Ourense, hai unha semana.
Concerto de Luar na Lubre, en Ourense, hai unha semana. Santi M. Amil

21 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Na primavera deste 2023, coincidindo coa edición do noso vixésimo traballo, Luar na Lubre cumpre 37 anos de traxectoria. Un momento especial que celebraremos coa edición dun libro-disco.

Procuraremos crear algo excepcional, feito dende Galicia e en clave basicamente galega. Chegar a editar vinte traballos discográficos nun estilo musical polo que moi poucos apostaban semella case épico, a maioría dos escépticos cría que sería moi complicado ou imposible chegar ata aquí. E doado non foi, mais voilá, aquí estamos! Con boa saúde, bo humor, creatividade, enerxía e moitas gañas de seguir adiante.

No traballo de preparación deste libro-disco conmemorativo, tocoume a min a labor de escudriñar entre todo o arquivo que fomos atesourando que, asegúrovos, é moitísimo. Fomos gardando a maioría das cousas que demos recompilado e arquivamos todo ese patrimonio material e inmaterial destes 37 anos camiñados. Foron arredor de dous mil concertos en máis de corenta países, levando a Galicia dende a nosa perspectiva musical a moitos lugares. Vivencias de ida e volta incribles e enriquecedoras que aportaron, sumaron e marcaron as nas nosas vidas positivamente.

Agora, clasificando e ordenando moito dese material, pásame por diante un período importante e ben bonito da miña/nosas vidas que mexe fermosamente os meus recordos daquel comezo. Aqueles iniciais ensaios no meu cuarto, os primeiros concertos con moi pouco público e menos recursos pero empurrados por unha forza que semellaba sobrenatural. As primeiras gravacións nuns estudios que nos parecían de ciencia ficción, aquela emoción nerviosa e algunha que outra frustración na aprendizaxe. Tamén as facianas da xente que nos miraba e escoitaba naqueles precarios primeiros directos, e as felicitacións e críticas posteriores. Mais por riba de todo salientamos sen dúbida o noso gran recoñecemento a todas e todos os que, dende o primeiro latexo desta dilatada e fecunda andaina ata hoxe, non nos falláchedes. É verdade que sen vós sería imposíbel chegar ata aquí.