Éxito de Maruja Mallo

CULTURA

04 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Este luns fará 28 anos que morreu a gran pintora galega Maruja Mallo, que acaba de recibir un alto recoñecemento na 59.ª Bienal de Venecia. E digo claramente galega porque naceu en Viveiro (Lugo) o 5 de xaneiro de 1902 e nunca deixou de identificarse como tal, aínda que a súa vida fose moi internacional, con estancias en Madrid, París, Lisboa, Bos Aires, Santiago de Chile e Nova York. A Guerra Civil sorprendeuna en Galicia e logrou fuxir por Portugal, onde foi recibida por Gabriela Mistral, embaixadora de Chile en Lisboa, que lle axudou a trasladarse a Bos Aires.

Así comezou a súa etapa americana, con exposicións en Arxentina e Chile, onde frecuentou a Pablo Neruda. Posteriormente viviu en Nova York, e en 1950 regresou a Europa cunha exposición na Galería Silvagni de París. En 1959 xa estaba de volta en Bos Aires, con exposición propia na Galería Bonino. Regresou a España en 1962, tras 25 anos de exilio, e en outubro acomodouse en Madrid. En 1979 fixo realidade unha exposición antolóxica, mostrando cadros da súa última gran serie pictórica Os moradores do baleiro. En 1991 outorgóuselle a Medalla de Galicia, e en 1993 fíxose unha gran exposición antolóxica en Compostela, que inaugurou o CGAC.

Mallo finou en Madrid o 6 de febreiro de 1995, ós 93 anos. No 2017 dedicóuselle o Día das Artes Galegas, por decisión da Ragbá. Mais hoxendía aínda só ten dedicada unha rúa en toda Galicia, en Viveiro. Cousas dun esfarelamento cultural que confunde os camiños. Porque Mallo sempre se sentiu galega. Algo que descubriu tamén o Lorca, que cantou a beleza do mundo que percibía «nos cadros que vin pintados con máis imaxinación, emoción e sensualidade».

O vínculo cos seus contemporáneos culturais foi intenso, comezando polos autores da Xeración do 27 (Dalí, Buñuel, Zambrano e Alberti, con que tivo unha relación moi especial). E mentres a vida corría, a súa pintura seguiu a evolucionar e desenvolverse na fronte das vangardas. Por iso aínda queda tanto que dicir sobre ela. E abonda para acreditalo o éxito que vén de acadar en Venecia. Algo ben oportuno e merecido. Porque nunca acabamos por recoñecela de todo, como realmente merece.