Boadicea, a nova editora en galego que xa ten o catálogo pechado ata 2025

Alejandro García Chouciño
A. g. chouciño A CORUÑA

CULTURA

Alba Rozas e José Manuel Dopazo, dous dos fundadores de Boadicea Editora na libraría Suévia
Alba Rozas e José Manuel Dopazo, dous dos fundadores de Boadicea Editora na libraría Suévia Eduardo Pérez

A súa presentación chega coa traducción de «Ubik», un clásico de ciencia ficción

12 ene 2023 . Actualizado a las 22:00 h.

Baixo o nome dunha antiga raíña guerreira celta naceu unha nova editora de libros en galego: Boadicea. «Xorde por dúas vías. A principal é que eu pasei a integrar hai dous anos un pódcast de fantasía e ciencia ficción en galego ao que me convidaron, que se chama o Baleiro perfecto. Os nosos ouvintes comezaron a pedir libros e referencias. Eu colaborara coas dúas editoras de fantasía, ciencia ficción e terror que existiron en Galicia, que eran Urco editora e Contos Estraños» explicou Alba Rozas (Lalín), docente na Universidad de Salamanca. Esas peticións dos oíntes fixeron que ela, xunto cos profesores de secundaria José Manuel Dopazo e Marcos López, se propuxeran este reto. «O obxectivo é ter publicacións especializadas en fantasía, ciencia ficción e terror traducidas ao galego, pero tamén de creadores de aquí para todos os públicos ata acadar unha produción sistemática na liña da europea, angloxasona, asiática...», resaltou Rozas.

Declaración de intencións

Onte a tarde presentáronse cara ó público na libraría Suévia, en A Coruña, coa participación de Guillermo Rodicio, de A que cheira papá? «Saímos publicamente con Ubik, coa tradución ao galego da obra de Philip K. Dick. Foi unha declaración de intencións, porque coa primeira obra preténdese chegar ao máximo público posible e acadar a maior repercusión. E este é un clásico da ciencia ficción e do ciberpunk. Chegou a entrar na lista das mellores novelas do século XX», sostivo a cofundadora.

Avanzaron que nos vindeiros meses chegará Terramar, o mundo de fantasía creado por Úrsula K. Le Guin no que se desenvolve o ciclo de novelas A Wizard of Earthsea, The Tombs of Atuan, The Farthest Shore, Tehanu, Tales from Earthsea e The Other Wind. «Comezamos con esta saga para traer fantasía pero eu aspiro a ter unha boa biblioteca desta autora en galego», confesou Rozas.

Tamén chegarán pezas como Os últimos días de Nova París, de China Miéville. «Non hai nada deste escritor en galego e é un autor especialmente recoñecido e premiado. Temos pendente tamén a Octavia E. Butler. Procuramos traer homes e mulleres de maneira o máis equitativa posible. Non é doado porque rastrexar os dereitos de certas obras e autores non é fácil, pero a idea é ter equidade», engadiron os editores.

Os primeiros andares desta nova editora «foron moi procelosos», indicou Rozas. «Foi moi atrevido saír directamente cunha tradución de Ubik. As axencias son reticentes e houbo que dar resposta a moitas preguntas. Eramos apenas un CIF de empresa naquel momento. Coas obras de creación propia foi un pouco máis rodado. De feito, nós saímos co catálogo pechado ata 2025. Os envíos que chegan agora están en lista de garda. E de tradución agora tamén, por sorte», confirmou Rozas.