O Quixote Orson Welles

CULTURA

Welles, durante a rodaxe, con Sancho Panza. Á dereita, don Quixote.
Welles, durante a rodaxe, con Sancho Panza. Á dereita, don Quixote.

10 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi un gran acerto que se recuperara a película Don Quixote de Orson Welles para a Expo 92 de Sevilla, aínda que algúns dos engadidos restou. Ao cabo, quedou en pé a versión máis rechamante e profunda que se fixo sobre o mítico e enxeñoso cabaleiro da Mancha. Porque o xenial Welles atinou a reflectir a imaxe máis rica e enxebre do Quixote, unha visión propia de quen, tras pasar moitos anos en España, tiña un bo coñecemento da nosa propia historia.

O gran mito é don Quixote, certo, pero quen explicita o seu verdadeiro ser é Sancho Panza, en quen se apoia o quixote Welles (que estivo a rodar este filme fragmentariamente durante 14 anos) para soster no cumio a nosa visión do mítico e incomparable cabaleiro español. Welles nunca puido abandonar o proxecto, por máis dificultades económicas que se lle puxeron por diante. Porque tamén el cría que aquela «cabalería andante» era a mellor esperanza de futuro que tiña por diante.

O mito é don Quixote, certo, pero Sancho Panza é quen o sostén vivo aínda que non derribe xigantes. De feito, a cabalería andante era a única esperanza de futuro nun mundo abarloado nun presente inmutable e sen grandeza. Cando Welles percibiu isto, decatouse tamén do que tiña de quixotesco o seu propio traballo cinematográfico e, sen querelo, descubriu o que había do personaxe cervantino na súa propia vida de director de cine e na realidade de que o éxito de Cidadán Kane íase afastando na súa vida, sen que lle fose fácil reunir o capital necesario para sacar adiante novos proxectos.

Welles viu no Quixote «o cabaleiro máis perfecto que existiu no mundo», e xa non puido librarse da paixón de mostrarllo aos que aínda seguían sen velo así. Por iso pelexou tantos anos por erguer este proxecto, que, lamentablemente, non deixou terminado de todo (aínda que o remataron outros con gran esforzo e fidelidade, mais sen os supremos saberes de Welles). Pero se o Quixote era o supercabaleiro mítico, quen era Sancho? Orson Welles descubriuno co paso do tempo: Panza era o gran personaxe que permitía que avanzase a novela de Cervantes, o que lle axudaba ao cabaleiro a amosar o mundo real daquela España que tanto fascinaba o cineasta.