Compostela, lugar santo destacado nos mapamundis medievais

redacción LA VOZ

CULTURA

RAG

O Congreso Internacional de Toponimia no Camiño clausurouse tras tres intensas xornadas arredor dos nomes de lugar das rutas xacobeas

24 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Congreso Internacional de Toponimia no Camiño clausurouse onte despois de tres intensas xornadas arredor dos nomes de lugar das rutas xacobeas. A mañá arrincou coas investigacións de tres referentes europeos: Elena Papa e Alda Rossebastiano, profesoras da Università di Torino, e Pierre-Henri Billy, do Centre National de la Recherche Scientifique de Francia.

O programa continuou coas achegas dende o Instituto Geográfico Nacional. Marcos Pavo López, do rexistro central de Cartografía, amosou a pegada de Santiago e o Camiño nos mapamundis medievais, que é mesmo anterior á aparición do culto xacobeo na Península. «Nos mapas chamados beatos, polo nome do seu autor orixinal, Beato de Liébana (século VIII), a tradición da predicación de Santiago en Hispania xa se manifesta tanto textual como graficamente. Tras a inventio ou a descuberta (anos 814-830), outros mapas incorporaron referencias xeográficas moito máis precisas, situando os restos de Santiago o Maior concretamente en Compostela», detalla.

É o caso do beato do Burgo de Osma (1086), que ilustra tamén o Camiño de Santiago. Máis adiante, a catedral aparecerá destacada xunto ao nome do apóstolo e outros topónimos galegos, como Galicia ou o Miño, en famosos mapamundis doutros puntos de Europa, como o de Sawley (XII-XIII), o de Ebstorf (XIII), o de Hereford (1290) ou o da abadía de Ramsey (1350). «Isto demostra a relevancia do Camiño de Santiago e de Compostela como lugar de peregrinación á altura de Xerusalén e Roma. A transcendencia do culto xacobeo é tal que mesmo traspasa a barreira cultural do cristianismo, e é recollido no tratado xeográfico e mais no mapa do cartógrafo musulmán de orixe ceutí Al Idrisi (1154)», concreta o enxeñeiro.