Os nomes de Rosalía

CULTURA

23 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Este 23 de setembro, hai catro anos que foi durmir fóra a profesora e investigadora Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda (Vigo, 1961-2018). Das súas investigacións nas Letras galegas (Lamas Carvajal, Murguía, Blanco-Amor, Carles Riba, os poemas galegos de Lorca...) é evidente que se impón salientar os traballos sobre Rosalía de Castro, algúns dos cales aclaran aspectos e intres moi importantes da vida da autora de Follas novas, o que xa teñen recoñecido ilustres rosaliólogas —María do Cebreiro, María Xesús Lama, Dolores Vilavedra—. Desde o seu pasamento, as revistas Madrygal (Madrid) e Grial (Vigo) publicaron algúns estudos inéditos seus; inédita estaba a súa memoria de licenciatura (1986), sobre a lingua de Rosalía de Castro, que publicou, no ano 2020, a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Prologouna o profesor Antón Santamarina, para quen este primeiro estudo da autora é o máis completo sobre o tema.

Victoria Álvarez, en ocasións, teorizou sobre cuestións literarias, nunha delas sobre os pseudónimos e heterónimos, nun ensaio que titulou Os que se ocultan (Anuario de Estudios Literarios, 1992). Aínda segue inédito o seu Dicionario de pseudónimos e heterónimos dos escritores galegos. Está claro que a polifacética investigadora estaba interesada polas peculiaridades e o fascinio dos nomes, tamén, loxicamente, pola polinomía de Rosalía de Castro. Entre os seus inéditos figura un groso caderno, alfabeticamente organizado, que se titula Os nomes de Rosalía, un dicionario das innúmeras antonomasias que a escritora foi suscitando desde moi pronto (a Cantora, a Musa céltiga, a Cotovía, a Druidesa, o Reiseñor, a Nai, a Tola, a Santa, etcétera). No dicionario inédito de Victoria Álvarez, entre os centos de denominacións, incluso figura Ovatesa, pintoresca antonomasia, de Francisco de la Iglesia, na que se feminiza a fórmula «o vate» e se solda o artigo ao substantivo. Tal inédito, Os nomes de Rosalía, non tardará en saír do prelo en edición de Patricia Arias Chachero cun prólogo meu. Será a homenaxe á autora no cuarto cabodano. Deixou máis traballos inéditos, non só rosalianos.