A historia medieval galega é «a propia dun país con moito poder», afirma Francisco Rodríguez

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Francisco Rodríguez (Ferrol, 1945).
Francisco Rodríguez (Ferrol, 1945). Paco Rodríguez

O político e ensaísta Francisco Rodríguez (Ferrol, 1945) dálle continuidade á súa recente publicación Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza. A segunda metade do século XIV cun segundo tomo subtitulado Un reino con clase dirixente. «Fronte ao que a xente poida crer, no caso de Galicia, a nosa historia medieval ten unha coherencia interna brutal, que é propia dun país que tiña moito poder e unha clase dirixente cunha estratexia para o país», defende o exdeputado do BNG, que este martes presentou o volume en Santiago.

Rodríguez explica que esa segunda metade do século XIV «é unha etapa de esplendor e, á vez, moi crítica». Detalla que o esplendor está marcado dentro dunha liña evolutiva do Reino de Galicia «con clase dirixente, con capacidade de decidir desde dentro, con normalidade na lingua e con grande influencia na península ibérica e mesmo na Europa». Para explicar a situación crítica nese século, o ensaísta apunta á invasión de territorio galego por un exército internacional «pagado polo papa», polo que «Galiza vai pasar dunha etapa de esplendor a outra de dependencia e de dominio. Vai ser unha fenda que tardará séculos en dar resultados de dominio eficaz sobre Galiza, pero que nos encarreirou á situación en que estamos hoxe».

Dez anos de traballo

No libro tamén recolle o papel do galego na época, cun uso social e formal «que indica a clase dirixente tan consciente que tiñamos. Dirixíanse aos reis casteláns en galego. Todo ao revés do que pasa hoxe. [...] O castelán era unha lingua ausente». A publicación de Rodríguez é o resultado de dez anos de traballo. «A historia de Galicia está escurecida. [...] Temos unha idea equivocada do que fomos», conclúe o autor.