23 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha noite no muíño, unha noite non é nada, unha semaniña enteira, esa si que é muiñada!». Nesta cantiga popular galega o muíño é protagonista e pon de manifesto a importancia que noutrora tiveron as moendas de gran nestes icónicos elementos da nosa etnografía tradicional. Somos o país dos mil ríos e creo que non hai un só río galego que non teña varios muíños no seu leito. É posible que xunto a hórreos e cruceiros, os muíños de auga sexan as mostras de arquitectura popular máis abondosas de Galicia. A importancia destas estruturas adaptadas á forza da natureza chegou activa case que ata os nosos días nos que a súa relevancia funcional, por moi diferentes motivos, foi perdendo presenza. Neles realizábanse as moendas de cereais tan fundamentais para as economías da Galicia rural, mais tamén tiñan unha función socializadora moi salientable como lugar de encontro entre a veciñanza. Nos muíños xuntábanse as xentes da contorna e neles alén da propia moenda tamén se falaba, se cantaba e se danzaba.

Eu teño visitado uns cantos e escoitado o son dalgunhas moas en funcionamento por acción da auga, e abofé que semellan a pauta rítmica dunha muiñeira. De aí saen as teorías que falan de que nestes espazos naceu a máis popular das danzas galegas, e que tamén de aí lle vén o seu nome. É difícil afirmar isto con rotundidade pero a verdade é que a min non me estrañaría en absoluto. Agora os muíños son elementos decorativos, sen mais función que a de ser testemuñas dun tempo xa pasado e mostras da grandeza da nosa arquitectura popular.

O máis triste é ver o abandono da maior parte deles e a ruína na que están sumidos. Unha porcentaxe elevada aínda pode ser recuperable cun mínimo interese e agarimo. Por sorte quedan mostras de muíños impresionantes en boas condicións. Algúns deles foron rehabilitados como vivendas particulares e outros, con moitísimo máis valor, concibidos como pequenos museos didácticos que serven de espazos para a recuperación da memoria. Unha memoria que se nos esvae día a día coa perda galopante do noso patrimonio, e daqueles que foron protagonistas desas muiñadas do pasado, eses que axudaron a definir o que aínda somos na actualidade.