Francisco Castro: «Cando deixen de emocionarme os premios, deixarei a profesión»

Gala Dacosta Diehl

CULTURA

Oscar Vázquez

O director de Galaxia acaba de gañar o XII Premio Dora e Pura Vázquez de literatura infantil e xuvenil cunha defensa da identidade propia

29 jul 2022 . Actualizado a las 18:34 h.

Haberá que esperar ao vindeiro ano para tela nas bibliotecas e librarías, pero Francisco Castro xa pode adiantar algúns detalles sobre Xoán, Xoana, a novela xuvenil coa que acaba de gañar o Premio Dora e Pura Vázquez de literatura infantil e xuvenil.

Transfobia e homofobia, mesmo por parte de seres queridos; conflitos da adolescencia e a necesidade de buscar unha identidade propia son algúns dos asuntos abordados nesta novela cun «gran equilibrio entre os diálogos e a narración», tal e como indicou o xurado. Composto por Patricia Torres, David Canda, Antón Alonso, Xosé. A. Dorrio e Isabel Monciño, o equipo encargado de ler os orixinais tivo en conta a temática de interese xeral que o autor achega á mocedade cunha obra de «excelente calidade», segundo din. O fío condutor desta novela xuvenil son unha serie de acontecementos que teñen lugar nun centro escolar e que están relacionados cun torneo de fútbol.

Xoán, Xoana, que aínda non é libro pero serao, está protagonizado por unha nena trans, porque nace Xoán pero ela sabe que é Xoana. Trata sobre a procura da propia identidade e sobre como isto afecta tamén no entorno.

O Premio Dora e Pura Vázquez é un certame peculiar do que Castro fala con agarimo. Amais de escollerse o relato gañador, hai unha convocatoria para ilustralo. Deste xeito incídese na relevancia da ilustración na literatura infantil e xuvenil. O mércores tamén abriu o prazo para presentar ao mesmo premio propostas para ilustrar esta historia que Castro xa está desexando ver imaxinada por un artista.

—Entre a extensa lista de galardóns da súa traxectoria están o Premio Blanco Amor do 2006, o Lueiro Rey de 1997 e agora o Premio Pura e Dora Vázquez 2022. Continúaos recibindo todos coa mesma ilusión?

—Púxenme taquicárdico cando me chamaron para darme a noticia, nunca me deixa de facer ilusión gañar premios. O día que deixe de emocionarme escribir, publicar e recibir premios, deixarei esta profesión e cambiareina por outra.

—Axúdanlle a configurar historias a súa propia experiencia e as súas inspiracións xuvenís?

—Por suposto que axudan. Eu son fillo directo dos libros de aventuras, de Xulio Verne e Daniel Defoe, pero tamén da banda deseñada e sobre todo do rock. A miña maior influencia literaria é a música, que comezou coas letras dos Beatles e das cancións protesta. A gran literatura chegou despois con Borges, Celso Emilio, Conrad…

—E non é tarde chegar á literatura pasada a infancia?

—Nunca é tarde, pero os lectores fanse na infancia. Se na casa hai libros e os pais len aos nenos, durante a famosa hora do conto antes de durmir, os pequenos asocian a lectura co pracer. Na adolescencia hai certo baixón na frecuencia de lectura porque, por sorte, teñen outros intereses ademais dos libros. É moi difícil competir coas consolas e os móbiles, pero os que son lectores na infancia volven ao mundo da lectura no mundo adulto. O que hai que dar á adolescencia é boa literatura.

—Falando de entornos dixitais, os adolescentes están máis expostos ao sufrimento agora ca hai décadas?

—O adolescente, por definición, vive nun mundo conflitivo. Eu sempre estaba sufrindo, e se non era por amor, era por outra cousa. Non creo que haxa máis sufrimento agora do que houbo noutro momento.

«Cos nenos pódese falar de todo. Os prexuízos só están na cabeza dos maiores»

Francisco Castro é escritor, xornalista, editor e director da editorial Galaxia. Experto das letras e das historias, ao longo da súa carreira o vigués mantivo sempre unha preocupación patente pola infancia e pola xuventude. Sabe que a mocedade le e escoita, que está disposta a aprender e ten infinita curiosidade. Castro non ten medo aos mozos, máis ben ao contrario: confía nas xeracións que crearán futuros.

Demóstrao unha vez máis no caso de Xoán, Xoana, onde quere que a protagonista sirva de espello ou que xere unha sensibilidade no lector sobre aspectos como a transexualidade, que están á orde do día e merecen toda a atención da sociedade.

—Dáselle o tratamento serio que merece ao lector mozo?

—Non se lle dá. Eu creo que a literatura infantil e xuvenil ten a obriga de tratar todo tipo de temas. Ou asumimos que os nenos vivan en Disney, ou falámoslles do mundo real. Por exemplo, en Chámome Simbad faleilles do alzhéimer e con Fina Casalderrey publicamos O neno can para falar de prostitución infantil. Os nenos e as nenas pódense achegar a todo tipo de temáticas, como son a morte ou o sexo. Eu penso que o que hai que facer é buscar o rexistro estilístico e lingüístico axeitados, e tamén o tratamento. Os prexuízos só están na cabeza dos maiores, non dos cativos.