Beramendi, a xusta homenaxe a «un galego por elección»

emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Beramendi, segundo pola esquerda, ovacionado nun momento da homenaxe.
Beramendi, segundo pola esquerda, ovacionado nun momento da homenaxe. Paco Rodríguez

O cofundador do Museo do Pobo Galego tivo como agasallo un libro de artigos que gaban a súa traxectoria e legado

15 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Para que unha homenaxe poida ser tal, a persoa que a recibe ten que merecela sen dúbida algunha. E se o destinatario pode gozar con clarividencia do sincero recoñecemento da súa xente na compaña das persoas que máis quere, agás da súa falecida dona, a homenaxe convertese nun necesario acto de xustiza social. Este foi, este xoves, o caso de Justo Beramendi (Madrid, 1941), un dos pais do Museo do Pobo Galego, e responsable de darlle nome á institución.

A piques de cumprir 81 anos, e un mes despois de deixar a presidencia do padroado do museo, Beramendi obtivo como inesperado agasallo, non de despedida, se non de «ata que te necesitemos», o libro Justo Beramendi. Galego por elección, un traballo que recolle testemuños e tributos de moitas persoas dos ámbitos nos que traballou, deixou pegada e gana de máis.

Vinculados ao museo, agradecen o seu legado Felipe Arias Vilas, Francisco Fariña, Francisco Calo, Xosé Carlos Sierra e María Xosé Fernández Cerviño. No eido político lémbrano Xosé Manuel Beiras, Manuel Caamaño e Siro López. E no campo do activismo cultural, participa Xosé Ramón Fandiño Veiga. O seu traballo como investigador e historiador ocupa unha parte importante desta homenaxe escrita, da que Beramendi apenas tiña coñecemento, e iso que incorpora un texto dos seus fillos, Mario e Pablo, que falan do Museo do Pobo Galego como un terceiro irmán que medrou con eles. Na homenaxe, que rematou con música de «xente da casa», destacou a intervención de Uxío-Breogán Diéguez, que lembrou ao Beramendi escritor, intelectual, e galeguista de adopción ao definilo como «un dos docentes mais brillantes» e tamén como investigador de referencia sobre o nacionalismo galego.

Seguindo o esquema dos actos académicos, o propio homenaxeado deu resposta ao que definiu como «unha inmerecida laudatio» sinalando que «toda empresa que paga a pena é colectiva, e a do Museo do Pobo Galego o é moi especialmente».

Seguindo con este fío argumental lembrou ao seu equipo de goberno dos últimos once anos por traballar «cunha eficiencia e entrega extraordinaria» e ao persoal do museo «de hoxe e o de onte». E empregou boa parte do seu discurso a traballadores fundamentais no xerme do museo que «sempre quedan esquecidos e que acolleron o noso proxecto como se fose o seu». Tamén á «lexión de voluntarios» que participan na institución.

Como despedida quixo falar «do que non fun quen de resolver», e que ten que ver coa precariedade económica na que vive o museo por escaso financiamento, especialmente privado. «Ter persoal acorde á institución» é outro dos seus empeños inconclusos, xunto co «desenvolvemento pleno da dimensión investigadora do museo» e conseguir un maior relevo xeracional.