Última hora
El Real Madrid, campeón de Liga

O Xacobeo Clarinet Fest converterá Lalín na capital do clarinete

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Detalle dun dos concertos programados polo Clarinet Fest de Lalín na súa edición do ano 2021, e que se celebrou na mañá do 23 de xullo na igrexa das Dores respectando as restricións impostas pola pandemia do covid-19.
Detalle dun dos concertos programados polo Clarinet Fest de Lalín na súa edición do ano 2021, e que se celebrou na mañá do 23 de xullo na igrexa das Dores respectando as restricións impostas pola pandemia do covid-19. Miguel Souto

Solistas, directores e docentes de nivel internacional impartirán clases a músicos de diferentes idades, ao tempo que se ofrecen ata 18 concertos abertos ao público

14 jul 2022 . Actualizado a las 21:00 h.

O Xacobeo Clarinet Fest, que celebra a terceira edición, converterá a Lalín durante unha semana na capital mundial do clarinete. A ninguén que coñeza a vila se lle ocorre poñer en dúbida a oportunidade da súa condición de sede dun encontro destas características. Non hai máis que escoitar a súa banda municipal, ademais das de Vilatuxe, Muimenta e Prado, tamén no concello lalinense, «o que ten máis músicos por quilómetro cadrado e o máis musical de Galicia», como adoita dicir o seu alcalde, José Crespo. Iso por non falar das formacións de localidades veciñas como, por exemplo, Silleda, A Estrada ou Antas de Ulla.

Hai tradición musical abondo no Deza como para entender, celebrar e desfrutar deste festival, que pouco a pouco vai consolidando o seu lugar no mapa, da man do seu director artístico, o músico lalinense Xocas Meijide, clarinete baixo da Banda Municipal da Coruña. Nesta entrega, que evidencia a madurez do proxecto, un grupo de solistas, directores e docentes de primeiro nivel internacional impartirán clases (e leccións maxistrais) a músicos de diferentes idades, ao tempo que irán ofrecendo (todos os días) ata 18 concertos abertos e gratuítos en distintas ubicacións do municipio.

Os afeccionados poderán gozar da interpretación dun bo número de pezas creadas e dirixidas por músicos profesionais da talla de Vitor Matos (doutor en Música e Interpretación na Universidade de Évora), José Luis Estellés (catedrático de Música de Cámara na Hochschule für Musik und Tanz), Lorenzo Coppola (profesor de clarinete histórico na Escola Superior de Música de Catalunya), Michelle Anderson (docente na Ópera de Vancouver), Sergio Pires (clarinetista solista do Winterthur MusikKollegium de Suíza), José Franch Ballester (docente de clarinete e Música de Cámara na University of British Columbia de Vancouver) e Massimo Mazzone (docente no Conservatorio G.F. Ghedini, en Cuneo, Italia), entre outros moitos. Será a partir deste venres e ata o vindeiro 23 de xullo.

Todos eses nomes —co propio Meijide— estarán tamén entre o profesorado, xunto con Alberto Sánchez (clarinete na orquestra Phion, Orkest van Gelderland & Overijssel, dos Países Baixos), Juan Ferrer (clarinete da Orquestra Sinfónica de Galicia), Josep Fuster (docente na Escola Superior de Música de Catalunya), Josep Sancho (clarinete da orquestra de cámara Cambra XX), Wolfgang Puntas (docente na Banda Sinfónica Municipal de Sevilla) e Emilio Alonso Espasandín (solista na Orquestra Nacional de Cannes). As pianistas Alicia González Permuy, Cristina Esclapez e Tamara Lorenzo e os directores David Fiuza, Marcel van Bree e Rafael Agulló completan o elenco.