Fernández del Riego, favorito para a homenaxe das Letras Galegas do 2023

HÉCTOR J. POrto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A Real Academia elixe este sábado entre o escritor lugués e a poeta coruñesa Luísa Villalta

09 jul 2022 . Actualizado a las 07:57 h.

«Os tempos son chegados», que diría o bardo de Ponteceso e que pensarán moitos galegos ao longo e ancho destas terras atlánticas. E, sobre todo, en Vilanova de Lourenzá, vila luguesa situada no val do río Masma na que desde hai algúns anos insisten en reclamar que se lle dedique o Día das Letras Galegas ao seu paisano escritor, ensaísta, narrador, crítico, editor, avogado, tradutor e gran animador da cultura e a lingua Francisco Fernández del Riego (Lourenzá, 1913-Vigo, 2010), intelectual cimeiro e fito principalísimo do galeguismo histórico. Desta volta semella que toca a don Paco, que foi, por certo, presidente da Real Academia Galega, impulsor clave na fundación da editorial Galaxia e articulista maior e colaborador fiel de La Voz de Galicia.

A Real Academia Galega (RAG) elixe este sábado entre dúas candidaturas oficiais, e a do vello polígrafo -lucense pero que viviu moi arraigado en Vigo- ten todas as de gañar. Enfróntase á opción da escritora, poeta, ensaísta, dramaturga, filóloga, tradutora e violinista galega Luísa Villalta Gómez (A Coruña, 1957-2004), outra figura indiscutible da cultura do país.

O pleno da RAG verá e debaterá unicamente estas dúas propostas porque son as que -entre as moitas solicitudes chegadas á sede da rúa Tabernas de parte de cidadáns, colectivos e institucións- acadaron a forma de iniciativa respaldada por un número mínimo de tres académicos. Non se falará, por tanto, de Pura e Dora Vázquez, Antón Tovar, Xavier Prado Lameiro, Fiz Vergara Vilariño, Federico García Lorca, Ánxel Casal, Filomena Dato Muruais, Avelino Díaz, Florencio Vaamonde Lores, Xosé Agrelo Hermo, Silvio Santiago e moitos outros que están en boca da xente, lectores ou non.

A proposta de Francisco Fernández del Riego, segundo fontes próximas ao proceso consultadas, entrou no rexistro da RAG asinada polo menos por unha terna de académicos integrada por Rosario Álvarez, Francisco Díaz-Fierros e Salvador García-Bodaño. A que defende a alternativa de Luísa Villalta leva o apoio de Margarita Ledo, Chus Pato, Manuel Rivas e Ana Romaní.

Ninguén parece pór en dúbida os méritos de ambos os dous autores. Pero todo apunta que será Fernández del Riego quen sume os votos necesarios no seo do plenario sabatino. Está anunciada para as 13 horas unha convocatoria de prensa para comunicar o resultado. E fontes da Academia dan por feito que Villalta, como ocorreu con Ricardo Carballo Calero, Xela Arias ou Filgueira Valverde, terá o seu momento, pero que agora lle corresponde agardar.

E correspóndelle agardar porque é a hora de don Paco, xa que, entre outras moitas razóns de peso, cadran dúas efemérides fundamentais para erixilo como homenaxeado. [No 2023] o autor de obras como Galicia no espello (1954) e O río do tempo (1990) cumpriría 110 anos e, ademais, conmemórase o 60.º aniversario do primeiro Día das Letras Galegas: xunto con Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo, o 20 de marzo de 1963, Francisco Fernández del Riego propuxo a creación e fixación desta festa -hoxe imprescindible na cultura e na vida de Galicia- na data do 17 de maio, facéndoa coincidir co centenario da publicación de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro.