«Continente María» achega a pegada de María Casares desde o teatro contemporáneo

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Detalle da representación de «Continente María», na función que acolleu o teatro Rosalía de Castro.
Detalle da representación de «Continente María», na función que acolleu o teatro Rosalía de Castro. Marcos Míguez

O espectáculo recala en Santiago desde este xoves e ata o domingo 29

19 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha homenaxe a María Casares, un xeito de achegar a súa figura a todo tipo de públicos no ano do centenario da actriz galega, pero tamén unha forma de amosar a súa pegada na actualidade. Todo iso está detrás de Continente María, un espectáculo impulsado polo Centro Dramático Galego (CDG), Ainé Producións, A Quinta do Cuadrante e o Concello da Coruña, que se poderá ver desde este xoves (20.00 horas) ata o día 29 en sesións de xoves a domingo no Salón Teatro de Santiago tras a súa estrea o pasado luns na Coruña.

«É unha proposta moi contemporánea, con moita música en escena», resalta a actriz Melania Cruz, protagonista da peza e que estará acompañada sobre as táboas polo músico Vadim Yukhnevich. Este tributo a María Casares é un proxecto que tanto Cruz como o director da montaxe, Tito Asorey, tiñan en mente desde o 2007, pero é agora no centenario do seu nacemento cando ve a luz. «Creo que é a mellor homenaxe que se lle pode facer a unha actriz como María Casares», resaltou a intérprete.

A proposta parte dun estudo e dun traballo documental sobre a vida e as circunstancias da actriz que se converteu na gran referente en Francia da súa época. Sobre as táboas únese teatro, poesía e música. «Trátase dun espectáculo moi internacional desde a súa construción», engadiu Asorey, apuntando que da dramaturxia se encargou a uruguaia Marianella Moreno. O equipo complétano Laura Iturralde como responsable de iluminación, José Faro, Coti, da escenografía, e Jairo Iglesias, do vídeo. «Un dos obxectivos é que a montaxe chegue a todos os públicos, que non sexa algo para a xente do teatro. Se che interesa a figura de María Casares, valo gozar, e se non coñeces nada dela, vas tamén a gozar e descubrir unha figura clave», dixo Asorey.

O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, resaltou a necesidade de lembrar a María Casares tamén desde a escena. «Foi unha muller de teatro e había que cubrir a súa figura desde a faceta escénica. [...] Non volveu a Galicia desde que se exiliou, e isto é un xeito de tela aquí», afirmou. O produtor da peza, Xosé A. Touriñán, explicou que a proposta é unha unión de forzas e subliñou a importancia de ensinarlle ao mundo este traballo. Tanto el como Asorey incidiron na labor feita polo director do CDG, Fran Núñez. «Chega a moitos lugares aos que non se chegara antes», remarcou Touriñán.