Detalle do cemiterio de Goiriz, en Vilalba.
Detalle do cemiterio de Goiriz, en Vilalba. Palacios

25 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Se visitamos calquera dos camposantos históricos galegos con afán de aprender, poderemos observar unha cantidade de información, datos, historias e simboloxías que nos poden deixar abraiados. Espectaculares mausoleos, tipos de sepulturas ben variados co seu particular xeito de estar conformadas e ornamentadas, os nomes e apelidos dos defuntos, os epitafios e moitísimos outros detalles, pero sobre todo unha cantidade ben diferente e interesante de cruces.

É á simboloxía da cruz á que me quero referir en particular pola súa significación, importancia e pola cantidade de expresións artísticas que existen, algunha delas de moi alto nivel grazas ao bo facer dos nosos mestres canteiros. Debemos saber que a cruz non é un símbolo limitado ao ámbito exclusivamente cristián, senón que é moi anterior. En Galicia xa a podemos ver representada nos petróglifos da nosa arte rupestre pero é nos nosos camposantos onde se atopan na súa máxima expresión por cantidade e formas distintas.

E visito estes lugares por curiosidade cultural dende hai moito tempo para fixarme en todas estas cousas porque considero que son portadoras de informacións ben interesantes. Particularmente no referente ás cruces sempre me chamou a atención a gran variedade: cruces latinas, célticas, gregas, solares, treboladas, estreladas, pateadas, flordelisadas, radiadas, bautismais, luneis, de Malta, de Santiago, templarias son algúns dos tipos que se poden ver, incluso algunhas con formas ben estrañas non boas de catalogar. Sen entrar na fondura do seu significado, gustaríame salientar que todo isto forma parte dunha riqueza patrimonial inmensa que por desgraza penso que está pouco documentada e estudada.

E refírome só ás cruces que están dentro dos camposantos porque tamén temos centos de cruces e cruceiros por todo o territorio do país, auténticas marabillas arquitectónicas labradas con todo luxo de detalles. Fascínanme tamén as cruces cumiais entrenzadas, xeralmente situadas nas igrexas románicas, considéroas unha auténtica expresión de beleza e de xenuína identidade da nosa cultura. Sen temor a equivocarme, creo que tanto patrimonio deste tipo non o hai noutros lugares do mundo. Xa outra cousa é como o teñamos.