Polo xeral, a toponimia sinala características específicas do lugar ao que se refire. Eu vivo moi preto dun lugar chamado Monte do Aciveiro e quero pensar que se se lle puxo este nome no seu momento sería porque ía acorde co sitio. Mais o paso do tempo tamén pode afastar ao topónimo do seu significado inicial. No meu caso, o do monte está claro pero o dos acivros non tanto xa que, exceptuando aqueles que de xeito ornamental temos algúns veciños nas nosas casas, apenas hai.
O acivro é unha árbore moi popular e recoñecible, da familia das aquifoláceas, pode chegar a medir ata 20 metros de altura e incluso ser centenaria. As súas follas pecioladas de tipo perenne teñen bordes ríxidos e espiñentos. Os seus froitos, cando maduran, teñen forma de boliñas vermellas e poucas veces amarelas, e son un alimento suculento para algúns animais, en especial aves, entre as que están os cada vez mais mermados urogalos das montañas occidentais galegas.
A min esta árbore paréceme fermosísima e, pese á súa escaseza, poida que sexa unha das máis representativas da nosa cultura atlántica. Eu quixen contribuír a que o topónimo deste lugar no que vivo recuperase o sentido inicial e ao carón da miña casa plantei sete acivros que foron traídos de diferentes lugares como Bretaña, Holanda ou de viveiros galegos, excepto un deles que xa estaba no propio terreo.
O acivro foi protexido en Galicia en 1984 cunha orde que prohibía o arranque, corta ou comercialización. Lamentablemente no 2018 esa protección foi derrogada deixando moito máis vulnerable a supervivencia da especie xa de por si feble na nosa terra coas respectivas consecuencias no seu hábitat.
Considerada unha das árbores sagradas en culturas como a celta ou a xermánica, era tradicional o emprego das súas pólas como elemento protector nas entradas das casas. Co paso do tempo o cristianismo adoptou esta costume transformándose nun rito de carácter meramente ornamental. Debido á popularidade que acadou, a poboación de acivros foi mermando considerablemente porque a depredación resultou devastadora. Neste tempo de Nadal toca reconsiderar a protección de árbores como o acivro.