31 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.
O día 11 foi unha xornada histórica na Pobra do Caramiñal, na que a Real Academia Galega celebrou nesa vila unha sesión extraordinaria co gallo do ingreso, na institución, da profesora Ana Isabel Boullón Agrelo, que leu o discurso preceptivo co título Todos os nomes: identidade, pobo, país, ao que respondeu, en nome da Academia, o sabio lingüista Ramón Lorenzo Vázquez.
Penso que este discurso, de 48 páxinas (sen contar a bibliografía), constitúe un manual rigoroso e moi didáctico para que tanto os filólogos como os interesados na Filoloxía recoñezan que os nomes das persoas (antropónimos) e os dos lugares (topónimos), lonxe de seren meras etiquetas, teñen alma. Xa na vella Roma existía a sentenza «Nomen est omen» [O nome é un presaxio, ou sexa, caracteriza á persoa que o leva]. Non esqueceu esta cita a profesora Boullón. Nunca aquí esta institución protagonizara un acto destas características.
Tamén os nomes dos lugares poden suscitar reflexións como as formuladas por don Ramón Otero Pedrayo na revista Nós, en 1935, nun ensaio sobre a poética dos topónimos empregados por Pondal en Queixumes dos pinos. O ilustre escritor ourensán percibía, en Laxe, «a nau encorada no enxoito areal»; en Nemiña, «as musas latinas bébedas de sal atlántico», e en Brandomil, «a sonata romántica». Nun poema escrito no exilio de México por Florencio Delgado Gurriarán, titulado Nomes, escolle nove da toponimia indíxena mexicana, que eran, para el, «rechouchío de paxaros», e selecciona catorce, moi enxebres, da toponimia das terras deixadas de Valdeorras, para el, «doce e sonoroso canto». Eran nomes tal como os vellos do lugar os pronunciaban (Outarelo, Val do Godo...), nomes que a maquinaria franquista estaba deturpando, castrapizando, tema non alleo ao da nova académica. No capítulo da represión franquista na onomástica pódese chegar moi lonxe. Sáibase que o primeiro morto por bala, en Galicia, foi un rapaz de catorce anos chamado Lenín, Lenín Moreda (Vigo, 20 de xullo de 1936). Elocuente é estoutro exemplo. En agosto dese ano, un martelo lingüicida arrincou o x da tumba de Alexandre Bóveda.