«María Solinha»: Atoparás dragóns

Eduardo Galán Blanco

CULTURA

Chega ás salas o filme de Ignacio Vilar, a historia dunha das «bruxas» queimadas polos homes

26 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Comeza a segunda vida de María Solinha, despois de que o seu director, Ignacio Vilar, proxectase a película por toda Galicia durante o verán do 2020, ao aire libre, para enfrontarse así ao virus que o pechou todo, incluídos os cinemas. Agora, o filme chega ás salas, facendo o seu camiño ao revés. Ten sentido que sexa xusto despois do Día contra a violencia de xénero, porque a figura de María Soliña é un símbolo, unha das moitas «bruxas» que os homes queimaron na fogueira ao longo da historia.

Vilar cóntanos a historia dunha moza de Cangas que está a ensaiar unha obra de teatro sobre a «feiticeira» do século XVII. E vemos como a súa vida cotiá mestúrase con ese ensaio, ata un punto no que non parece haber distancia entre hoxe e onte, porque a realidade e a ficción son unha mesma cousa. Autor de filmes ben coñecidos da nosa cinematografía —Pradolongo, Vilamor, A Esmorga ou Sicixia— o director faille unha homenaxe a Vanya na rúa 42 de Louis Malle, unha película sobre un grupo de actores que mesturaban as súas vidas cun ensaio da obra de Chejov.

A película participa dunha rica fonte iconográfica que, por exemplo, identifica a Coca de Redondela con todos os feroces dragóns da historia do patriarcado, monstros presentes aínda hoxe en cada esquina dos nosos comportamentos. Os actores están moi ben, desde a debutante Grial Montes, no papel principal, ata un soberbio Santi Prego. Pero, sobre todo, sobresae a luz de Laura Míguez no rol da compañeira da protagonista, toda intuición, toda misterio cotián.

«MARÍA SOLINHA»

España, 2020.

Director: Ignacio Vilar.

Intérpretes: Grial Montes, Laura Míguez, Santi Prego, Mabel Rivera, Antonio Durán Morris, Melania Cruz, María Salgueiro, Mela Casal.

Drama. 122 minutos.