Fistor ilustre

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

Manuel Blanco Mariño.
Manuel Blanco Mariño. vítor mejuto

05 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Chamábase Manuel Blanco Mariño e nacera, en Iria Flavia, o 1 de decembro de 1929; faleceu en Vilagarcía de Arousa o 20 de setembro do presente ano. En Vilagarcía, onde foi carpinteiro da Renfe, residiu, desde 1960, na compaña de Rosa Rei Angueira, a súa muller, nai dos seus sete fillos. Os estudos de Blanco Mariño foron os dunha escola pública dos míseros anos corenta, pero, xa na escola, este rapaz de casa pobre e sen libros foi visitado polas musas, que axiña lle inspiraron xeitosos versos en lingua galega, feito case insólito naquelas precarias datas.

Foi, nos seus mellores momentos, un poeta contra as inxustizas que facía excelente poesía social antes da aparición, en 1962, de Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro. Estamos ante un fistor puro, ante un fistor enxebre, ou sexa, a persoa que, nacendo en fogar iletrado, non tivo, sequera, estudos secundarios e comezou a súa carreira literaria alleo a cenáculos, revistas do ramo e moi lonxe de mentores ou orientadores cultos. Foi, sobre todo nos primeiros anos, un escritor ventureiro. Como fistor —poeta só de raíz popular— é un dos máis inspirados das Letras galegas e autor de textos antolóxicos como o soneto As cuncas, que publicou en La Noche (Santiago) no ano 1957, xornal onde o seu nome foi moi ben acollido polo seu director, Borobó. Neste soneto, o derradeiro verso («fáltame que Deus non me queira no Ceo») foi alterado polo lapis versicida dun censor («agardo un cobixo na casa do Ceo»).

Capítulo importante da súa poesía, en plena Ditadura, foron as gabanzas a Rosalía e Castelao, pero tamén a García Lorca e Fidel Castro. Non foi menos ousado cando denunciou a empresa que asulagou os feraces viñedos de Castrelo de Miño en 1967.

No ano 2000, o Concello de Vilagarcía publicou unha ampla escolma da súa poesía co título Sentimentos da alma galega, edición preparada e prologada por Cruz López Martínez, que, alumna miña anos antes, fixera un excelente estudo do noso fistor, do noso poeta. Debería ser ela quen ofrecese unha escolma, moi esixente, da totalidade do labor deste admirable poeta e benemérito cidadán.