Terceiro cabodano

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

26 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Tal día como o pasado xoves 23 de setembro faleceu en Vigo, hai tres anos, a profesora e investigadora literaria Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda. Cumprira, o 21 de agosto, 57 anos, idade, nestes tempos, pouco habitual para «ir durmir fóra». Rosalía de Castro, da que foi, neste século, a máxima investigadora, falecera aos 48 anos (1837-1885). Eran outros tempos.

Foi moito máis lonxeva a vida de Eduardo Blanco Amor (1897-1979), a quen a investigadora dedicou algúns traballos importantes, froito da erudición e da devoción por este autor que, como é ben sabido, tivo unha intensa relación literaria e persoal (non amorosa) con Federico García Lorca, escritor moi evocado por Ian Gibson, hai poucos días, en varias tribunas galegas. Na de Vigo (3 de setembro) mencionou, con profusión, os Seis poemas galegos (1935) do xenial poeta andaluz sen deixar de referirse á edición dese hexaedro poético prologada polo propio Blanco Amor.

Hai tempo que se debate, dentro e fóra de Galicia, cal foi a intervención de Ernesto Guerra da Cal (1911-1994) na elaboración (lingüística) de cinco dos Seis poemas (a do primeiro, Chove en Santiago, meu doce amor, quizais contou coa axuda de Serafín Ferro). Tal debate foi resolto, en moi boa parte, por Victoria Álvarez nunha conferencia que pronunciou en Compostela, no ano 1998, centenario do nacemento de Lorca, que, estrañamente, permaneceu inédita ata o ano 2019, cando a revista Grial (Vigo, n.º 223) lle dedicou á investigadora un monográfico de homenaxe. Titúlase o traballo, alarde de rigor ecdótico, Proposta de edición dos ‘‘Seis poemas galegos'' a partir dos manuscritos (pp. 28-35). O manuscrito dos cinco poemas, verdadeira alfaia da bibliografía hispana do século XX, custódiase na biblioteca da Deputación de Ourense. No número de Grial acóllense, entre outros, dous artigos inéditos de tema rosaliano, unha das grandes paixóns da investigadora.

Polas miñas noticias, a Fundación Blanco Amor (Ourense) ten na súa axenda de publicacións a edición dos poemas galegos de Lorca cos criterios de Victoria Álvarez. Para os hispanistas do mundo enteiro será un acontecemento.