Versos de Díaz Pardo

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

17 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

TEn certo modo, aínda estamos no centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo (1920-2012), efeméride un pouco eclipsada pola Pandemia. Sobre o gran Díaz Pardo xa se tiñan publicado libros e moitos traballos antes de 2020, non poucos dos cales poñen o acento na evidente polifacecia daquel extraordinario cidadán e creador: pintor, debuxante, ceramista, editor (ás veces clandestino), ensaísta, columnista, dramaturgo, mecenas, activista cultural e aínda máis. Ninguén fixera unha investigación rigorosa sobre a poesía do noso polígrafo ata a aparición, hai pouco, do libro de Esperanza Mariño Davila A mensaxe entre sombras. Obra poética de Isaac Díaz Pardo (Xerais, 2021). No volume, a autora recolle canto texto poético publicou Díaz Pardo, desde os exentos (moi poucos) ata os inseridos en obras narrativas ou de teatro, ademais dos catro carteis de cego, que son A nave espacial (1970), O Marqués de Sargadelos (1970), O crimen de Londres (1977) e Castelao (1985). Eu quédome co da criada de servir en Londres. Díaz Pardo tiña o talento axeitado para este tipo de romances satíricos, que el mesmo ilustrou con debuxos concordes coa ética e a estética do xénero, un xénero que quizais os preceptistas algo severos non incluirían no capítulo literario da Poesía.

Son textos escritos con brocha gorda (deliberada) para denunciar personaxes ou situacións ante un público popular (feiras e romaxes), o público dos vellos ?e xa extinguidos daquela- romances de cego, con música, cartel e o punteiro do neno sinalando as escenas básicas. O propio Díaz Pardo inventou unha máquina de cantar que se estreou, en pleno franquismo (1970), nunha Feria de Muestras de Ferrol. O que cantaba aquel enxeñoso artefacto era o primeiro romance de cego de esquerdas do noso tempo: Paco Pixiñas: Historia dun desleigado contada por il mesmo. Era obra de Celso Emilio Ferreiro, aínda que asinada por Arístides Silveira, o seu mellor pseudónimo satírico. En calquera caso, cómpre saudar o documentado traballo da profesora Esperanza Mariño, moi especialmente pola nova edición e o estudo dos romances de cego de Díaz Pardo.