Por Laxeiro, pintor de Lalín

José Crespo Iglesias ALCALDE DE LALÍN

CULTURA

Laxeiro en Vigo con el poeta Rafael Alberti, en 1993
Laxeiro en Vigo con el poeta Rafael Alberti, en 1993 BENITO

21 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Sen dúbida, Laxeiro e Lalín fan unha simbiose perfecta. Hoxe, nestas liñas, quero ter un recordo do lado humano deste noso xenial artista que tiven a sorte de coñecer. Laxeiro era unha persoa moi próxima e entrañable no trato curto; tiña moi bo corazón.

Lémbrome o día que lle fixen a encarga do cartel do XXV aniversario da Feira do Cocido en que me invitou a comer e estando no seu estudo en Vigo achegóuselle un artista novel que quería facer unha exposición e que non tiña cartos. Indicoulle Laxeiro: «Mira algún cadro destes que hai aquí no estudo que che guste». A persoa en cuestión colleu un, firmoullo e díxolle: «Véndeo e fai a exposición onde a queres facer». Eses detalles de mecenado ao mellor non moitas persoas os coñecen pero eu vivinos en directo.

Tamén me lembro de que na súa estadía en Bos Aires, cando aínda o seu nome non tiña a importancia que adquiriu máis tarde, firmaba os cadros por detrás coa seguinte lenda: «Por Laxeiro, pintor de Lalín». Esa sinatura demostra o que foi para el Lalín. Aínda que pasou a súa estadía final en Vigo, Laxeiro sentiuse ata o último momento unha persoa de Lalín, un lalinense máis.

Quixera poñer de relevo tamén o detalle de que un día, xa enfermiño, funo ver. Sabía que a cousa ía a máis e díxenlle medio en broma: se morres témosche que preparar un bo enterro. E contestoume: «Quero que cando morra, que me vou enterrar no cemiterio de A Romea, me acompañe un gaiteiro. Pero escóitame ben, alcalde, quero un gaiteiro, conque haxa máis dun levántome da sepultura e douche un trompazo. Recordo iso e tocoulle un só gaiteiro: foi Plácido Rozas porque compuxo a «Muiñeira de Laxeiro».