Pardo Bazán, unha feminista cativa

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A narradora Emilia Pardo Bazán e a profesora María Pilar García Negro.
A narradora Emilia Pardo Bazán e a profesora María Pilar García Negro.

A profesora María Pilar García Negro cuestiona os valores progresistas da escritora

09 jul 2021 . Actualizado a las 05:15 h.

Non é unha caricatura nin unha emenda á totalidade, pero o que fai María Pilar García Negro (Lugo, 1953) en Galiza e feminismo en Emilia Pardo Bazán (Alvarellos Editora) é unha rotunda invitación a repensar criticamente á condesa, aproveitando que o 2021 -no centenario da súa morte- é un ano de conmemoración, de celebracións, e as celebracións ás veces, di, quedan ledamente na superficie das cousas. «Está de moda falar de paradoxos, de contrastes, de contradicións enxuizadas sempre positivamente», constata para anotar que diverxe desta visión branda co matiz de que, asegura, para nada pretende adhesións; «oxalá que houbese un debate», insiste. «O pensamento, a moral, a ideoloxía, a política... todo iso non pode ser obxecto de oracións xustapostas, unhas definicións ao carón doutras; hai posicións ante a vida en calquera destas dimensións que son absolutamente definitorias», advirte.

Refírese a que serve só relativamente que en todo o seu corpus declarativo, en termos asertivos, saia en defensa da capacidade intelectual das mulleres, da non supeditación ao varón, de que tiren proveito económico do seu traballo e da necesidade imperiosa de recibiren educación non castrante, letrada e completa. Porque cando isto se pon en diálogo coa obra literaria en si e co retrato e o tratamento que nela fai de personaxes femininas -«ao tratarse dunha escritora, a súa perspectiva do mundo, a ideoloxía, a concepción moral van aflorar a través da súa obra»-, «o que prevalece por riba de todo é unha visión fondamente clasista da maioría social feminina en xeral e unha visión fondamente desprezativa das traballadoras galegas en particular», afirma para cuestionar tamén o seu compromiso social coa muller, que poñía por baixo da súa lealdade á Igrexa. «Hai estudosos que sinalan que, ante demandas do feminismo do seu tempo, sempre foi moi cauta. Por exemplo, cando a coraxosa xornalista e escritora Carmen de Burgos quere contar con ela nunha campaña a prol do recoñecemento do dereito do divorcio, ela di que non, que non ten formada opinión sobre esa cuestión. E ela ten formada opinión sobre todo o humano e o divino. Pero, claro, pronunciarse a favor do divorcio significaría enfrontarse ao dogma e ás autoridades eclesiásticas. E iso non lle conviña persoalmente», sinala. García Negro lembra que en 1880 o cardeal Payá, arcebispo de Compostela, lle escribe unha carta en que a felicita en canto que en todas as súas obras se observa o respecto e o seguimento pola máis pura e exquisita ortodoxia católica.

«Ela foi moi calculadora do que cumpría ou non publicar, nunca puxo en risco en público o título pontificio [concedido ao seu pai por Pío Nono en agradecemento pola defensa da relixión católica] nin o posterior título rexio [tras anos de solicitude outorgoullo en 1908 Alfonso XIII]». Outra cousa é o que facía na súa vida privada, aduce a profesora: «Niso é como tantas señoras da súa clase social; podendo e querendo, fixeron da súa capa un saio. E ela podía, como podía dispoñer de rendas e de patrimonio. Eu ademais aí, na intimidade, non entro», aduce García Negro.

Dona Emilia, prosegue, ten dotes de magnífica narradora, non en toda a súa produción, xa que, como ocorre con outros escritores, unha obra tan extensa, en tamaño e variedade, é imposible que toda teña a mesma calidade. «A ollos dun lector actual, o que a prexudica, o que pode causar máis distancia ou desagrado é a imposición da tese. Ela xulga que esa fidalguía degradada, en Los pazos de Ulloa ou La madre naturaleza, sobre todo, non ten alento para modificarse, está condenada, simbiotizada co pobo, polos mardomos, cos primitivos, os criados, non é unha clase que poda redimirse, é un país sen futuro». Outra cousa que a prexudica, argúe «como lectora e como profesora de literatura», e que a diferenza de grandes clásicos da literatura española, é que non lle dá voz a unha amplísima gama de personaxes populares, non deixa que se manifesten. «No Quixote, no capítulo XIV da primeira parte, Cervantes dálle voz á personaxe de Marcela, a pastora que quere vivir libre no monte e que non atende os rogos de Grisóstomo. Ela é unha auténtica personaxe, fala en por ela. O mesmo pódese dicir de Fernando de Rojas en La Celestina, onde Areúsa ou Celestina falan en por elas, deféndense. Non é a táctica do ventrílocuo esa que fai que cando falan moitas personaxes femininas é o autor correspondente quen fala por elas. A Fortunata na obra de Galdós chegas a escoitala ou a Ana Ozores en La regenta de Clarín chegas a vela; por suposto que son construcións de Galdós e de Clarín, pero cáptalas como personaxes. Dona Emilia si que practica en personaxes de alta clase social, pero en personaxes populares, da clase traballadora, a voz non existe, non chega, son satélites das figuras centrais. Exemplos palmarios son a Esclavitud de Morriña, a Maripepa de Bucólica e mesmo a Sabel de Los pazos de Ulloa. Aí aparecen expresións moi duras, tan duras como seren metaforizadas directamente con vacas», deplora.

Ela, incide a filóloga, sempre actuou como defensora da súa clase social, como a capacitada da aristocracia, para ela, a clase reitora sen dúbida. «Non é que critique o parlamentarismo do seu tempo por como funcionaba... senón que defendería unha votación censitaria, unha personaxe importante tería dereito por tanto a dez mil votos ou a quince mil. Nada de vindicar o voto popular, o sufraxio universal, de ningunha maneira», subliña.

Nun artigo Pardo Bazán comunica aos lectores a feliz concesión do condado rexio, o título de Castilla, e explica graficamente que «condesa nacera, condesa era e condesa había de ser ‘‘por estar escrito en las estrellas'', e vincula ese título á utilidade da súa literatura. O seu obxectivo biográfico non é unicamente ser asidua dos salóns de Madrid, coa xente de mundo, senón triunfar como escritora, como un xenio varonil, que é como ela se define, e atribúese a si mesma o grande valor dunha utilidade social. Isto é a definición avant la lettre de intelectual orgánica», conclúe.

Ao respecto do naturalismo, cre a profesora que hai moito de lenda. Por exemplo, di, La cuestión palpitante está chea de avisos para prevenir dos excesos desta estética e para repudiar os que non son decentes. O libro está cheo de citas que a retratan. Só cómpre deixala falar a ela, que é totalmente explícita. «Onde bota man dun naturalismo de conveniencia, no retrato de tantas e tantas personaxes galegas da clase traballadora, das clases baixas, no vocabulario do XIX, da clase servil, hai unha visión bucólica, fondamente clasista. Hai tantos casos, -remarca- dun tratamento absolutamente deshumanizado de personaxes populares galegas, un tratamento animalizado ou vexetalizado... O mito bíblico informa de que toda a creación divina ponse ao servizo do home para que se faga uso dela, pero en toda esta narrativa é ao revés: a natureza tan exuberante e tan salvaxe é a que captura a alma humana e déixaa inhabilitada para calquera empresa de dignidade ou de levantamento espiritual».

A narradora «xibariza» e «trata de destruír» a Rosalía de Castro

García Negro considera a Pardo Bazán unha empresaria de si mesma, ambiciosa, que sabe perfectamente cara onde vai. Aí, apunta, retratouna perfectamente Rosalía de Castro nuns versos que lle ofreceu á condesa [á súa petición] para decorar o abano: «Mimada polas Musas, / servida polas Gracias, / cun corazón que vive de harmonías, / nobre cantora das gallegas prayas, / ben merecés reinar como reinades, / magnífica, absoluta, soberana». Defínea barbaramente, fai unha radiografía perfecta, insiste a profesora.

En canto á visión que a condesa ten de Rosalía, di, «hai unha clara animadversión ideolóxica cara a poeta, pero tamén psicolóxica, porque non quería rivais. É a prescindencia total do oposto. Ciumes non, porque as batallas de Rosalía, a súa viaxe literaria e ideolóxica, son contrarias. Non combaten no mesmo terreo».

Pardo Bazán «roza o delito intelectual cando trata a obra de Rosalía, destrúea, practica unha especie de taxidermia absolutamente deformadora. Como? Considerando que esa obra é reprodutiva dunha cultura popular infantil, inxenua, pícara, algo triste, melancólica ou femenil. No seu discurso dedicado á homenaxe de Rosalía o que menos importou era Rosalía, pese a que sucedeu só sete semanas despois da súa morte. O único que lle importaba era a súa propia consagración como oradora pública: encaixa Cantares gallegos nesa ortopedia que acabo de describir, femenil, como hipertrofia de sensibilidade pero non intelectual nin pensadora. Xibariza á escritora e conceptúa Follas novas como ‘‘poemitas'', dun lirismo anticuado, imitativo do xermánico. E xulga que nesa literatura galega renacente hai un perigo enorme en xerme, o separatismo. É un pecado atentar contra a unidade de España e a categoría artística do que ela denomina a lingua nacional, o español. Advirte de que é inadmisible que se confundan os termos de terra e patria, e Rosalía utiliza en toda a súa obra a palabra patria para se referir a Galicia», argumenta García Negro.

A condesa, di a profesora, pertence a unha tradición galega abondosa que «pensan Galiza como unha meta volante, por expresalo en termos ciclistas, pero a definitiva é Madrid, hai que triunfar en Madrid para ser alguén. Ela pertence a esa tradición, pero dun xeito moi extremista, o cal non fala de que ella non tivese coñecemento da realidade de aquí, esa visión sobre Galiza onde xa existe un movemento a prol dunha conciencia galega, como un centro e un suxeito político e non como un satélite ou unha provincia permanentemente dependente do Estado español. Tamén coñece perfectamente que o galego tivera unha literatura gloriosa medieval, pero opina que despois, ao ser unha lingua vida a menos, se converteu nun patuá [lingua creola] e a literatura en galego que admite é unha literatura uniclasista, inxenua, melancólica, graciosa, infantil ou femenil».

Neste contexto, dona Emilia «vai exacerbar o seu españolismo. É unha observadora magnífica e ten un espírito notarial moi agudo, pero iso non a leva a considerar Galiza merecente dun futuro, o futuro do país pasaba por que se españolizase aínda máis e que España se europeizase, que lle facía falta, mais sen abandonar as esencias, o que denomina la Vieja España».

A partir desta óptica, non considera calquer tratamento literario en galego doutro tema, como xa existía no seu tempo, por suposto en Cantares gallegos, e despois dunha forma grandiosa en Follas novas de Rosalía de Castro. Pero tampouco, sostén a filóloga, outros escritores como Curros ou inclusive sacerdotes «tan reputados e tan de orde» como Juan Antonio Saco y Arce, autor da primeira gramática do galego merecente de tal nome: «Traduce poemas ao galego desde o latín, era un acreditado latinista, pero ela, a pesar de ser un señor destas características, rexeitao porque di que o galego non vale para temas abstractos e xigantescos como son os relixiosos».

A Galicia que retrata é case un documento notarial, engade, pero parcial. «Nós como pobo, como di a brincadeira, un pouco de todo. Pero a Galiza do seu tempo non é a que aparece na súa obra, é bastante máis variada. E nunha cota minoritaria, pero real, con conciencia de si, moi activa e moi culta e moi letrada. Esa non comparece na súa novelística e nos seus contos».

De feito ten tres grosas coleccións de contos monograficamente dedicados a temática galega -Historias y cuentos de Galicia (1900), Cuentos del terruño (1907) e Cuentos de la tierra (póstuma, 1922)-. «Son moitos contos, pero ofrecen unha Galicia noir, enteiramente. É como se xulgásemos España a través das páxinas de El Caso, se existise no século XIX, é dicir, polas memorias xudiciais e as páxinas de sucesos e toda a criminalidade habida», critica.

Así, para ler a satisfacción plena, García Negro recomenda moitos contos dela pero non os das coleccións galegas. Contos sacroprofanos, de amor... E escollería tamén os artigos dela, de moito interese, e en moitas publicacións diferentes, en La Ilustración Artística, por citar algunha. Neles amosa dotes de moi boa comunicadora, perfecta, sempre tratando de orientar ao lector, de reformalo se fai falta.

E, con todo, asevera, con todas as súas eivas, «é fundamentalísimo ler para o público galego toda a novelística dela sobre todo a centrada en ambientación galega e as tres coleccións de contos galegos». É máis, fai un convite directo a que toda a interpretación que defende se contraste non só lendo seu libro senón a obra pardobazaniana. «É unha autora fundamental na literatura española», concede para puntualizar que «non son intercambiables os sintagmas galega escritora e escritora galega. Ela é unha galega escritora, mais escritora da literatura española, que, por certo, engrandeceu dunha forma extraordinaria en todos os xéneros practicamente e ao longo de toda a súa vida», remata a profesora.