Díaz Pardo, o subversivo

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

Isaac Díaz Pardo
Isaac Díaz Pardo VÍTOR MEJUTO

09 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Sorprende o macrovolume de case 600 páxinas, en tapa dura e con papel moi especial que, co título Ensamble Isaac, organizou Francisco César Díaz Rey en homenaxe ao cidadán, ao artista, ao escritor, ao empresario e ao activista cultural Isaac Díaz Pardo (Santiago, Tórculo Comunicación Gráfica, 2020). Precedido dun entregado poema de Luz Pozo, sorprende, sobre todo, o primeiro capítulo dedicado ao ceramista, capítulo constituído por pezas cerámicas de varios ilustres obradoiros galegos. As fotografías desta sección, titulada A Terra, son un prodixio técnico. O coidado da edición fai, deste singular volume, unha homenaxe que compracería ao esixente e polifacético Díaz Pardo.

Peculiar é, tamén, o capítulo titulado A Palabra, no que máis de trinta nomes, entre escritores e artistas plásticos, se debruzan sobre a multifacecia de personalidade cultural tan rica e tan eficaz (de Carmen Blanco a María Xosé Queizán, de X. M. Beiras a Paco Pestana, de César Portela a Inma López Silva...). Neste capítulo, o editor ofrécenos o facsímile dos manuscritos autógrafos, ademais da versión impresa. Todo o material artístico e literario foi exposto, con anterioridade, nunha magna Mostra no castelo de Santa Cruz de Oleiros. O multifacético Díaz Pardo foi obxecto dun catálogo e dunha mostra peculiares, moi peculiares.

Penso que aínda quedan por examinar outras facetas. Na miña colaboración fixen tres incursións na biografía do homenaxeado, unha moi pouco explorada: a de Díaz Pardo, clandestino, como subversivo, aténdome sempre ao étimo latino desta palabra («sub-vertere»: poñer enriba o de abaixo; dito en román paladino, darlle a volta á tortilla). Esa freba subversiva de Díaz Pardo abrollou, ás veces, mesmo no franquismo. Convén saber que aquel mecenas antifranquista dedicou cantidades non desdeñables de diñeiro á editorial Ruedo Ibérico, que dirixía, no exilio de París, o seu amigo José Martínez. Saben algúns que os libros de Ruedo Ibérico quitábanlle o sono a un ministro de Franco que, habitualmente, durmía ben, incluso cando o da bomba atómica de Palomares: a Manuel Fraga Iribarne.