Polbos

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

MARCOS CREO

15 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Lembro que a primeira vez na miña vida que vin un polbo vivo tería uns 10 anos. Comelo, supoño que xa o fixera antes moitas veces, pero a imaxe de velo vivo e recén collido impactoume. A verdade é que son uns animais ben estraños e fascinantes. O meu pai, pese a ser de interior, dende que chegou á Coruña, practicaba a pesca con frecuencia, incluso chegou a ter varias lanchas no Portiño para saír a pescar con outros amigos. Eu, pese a que non me gustaba demasiado ir nesas lanchas, acompañábao de vez en cando, percorrendo a costa entre A Coruña e Arteixo. El sabía onde podía haber polbos ou barbadas, cales eran as postas para a pesca da robaliza, dos panchos, etcétera, ademais era sabedor de que sistemas empregar para coller cada especie, de como debían estar as mareas e tamén dos diferentes estados da mar para que todo fose óptimo. Pois aquel primeiro polbo que eu lembro vivo collérao xusto fronte ao peirao do Portiño. Atraparao cun trebello que el mesmo ideara chamaba «gancho para os polbos» e que consistía nun pau dun metro e medio de longo cun gancho en forma de anzol atado nun dos seus extremos. Con el rexistraba as tocas que hai nas pedras onde se agochan os cefalópodos. Había que ser moi fino para dar con eles e pillalos desprevidos antes de que coas súas ventosas se apegaran forte á pedra xa que así era moi difícil extraelos. Aquel era grande, debía pesar uns dous quilos e o ritual despois de sacalo era sacarlle o pico, destripalo e finalmente mazalo contra as rochas con forza. Polo visto era o xeito de que despois non quedara duro ao cociñalo. Lembro aquilo como se fose agora mesmo, quedei abraiado. A escena por ser a primeira vez fíxoseme dura e non se me esqueceu. Moitos máis viñeron despois, daquela aínda había cefalópodos nas pedras, e ata eu cheguei a pescar un de cinco quilos coa cana que me deu moito traballo sacar. Non vou dicir que non me guste comer polbo porque mentiría, pero creo que hoxe teño moito máis respecto e admiración por estes animais tan marabillosos e fascinantes. O problema é que na nosa cultura recoñecemos moito máis o valor gastronómico que o que lle correspondería como especie, tanto que din que xa a penas quedan nos nosos mares.