Xerardo Moscoso

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

04 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Era alumno da Facultade de Medicina de Santiago en 1968. Fillo de emigrantes galegos, nacera en México en 1945, e alí, en Coahuila, faleceu hai poucos días. Nos seus anos de universitario foi un dos creadores da Nova Canción Galega, aquel invento dun grupo de estudantes que, lonxe dos criterios da tuna, decidiron denunciar, na «lingua proletaria» do país, as eivas da sociedade, ante o abraio da «xente de ben» e das autoridades. Estas non regatearon esforzos para poñeren atrancos moi fortes aos seus textos e á súa actividade.

Xerardo Moscoso, xa titulado como médico en Compostela, exerceu de xinecólogo en Pontevedra, onde a ultradereita, a fins do franquismo, fíxolle a vida imposible, datas nas que emigra a Suíza. A xenreira continuou en 1977, ano en que ten que voltar a México, onde non sempre exerceu a profesión de médico: traballou no cinema e mais no teatro, unha das súas paixóns. Como director teatral, logrou que xentes de barrios pobres e das aldeas esquecidas se interesasen, mesmo como actores, por determinados textos teatrais. No ano 2017 veu a Galicia co seu grupo La Gaviota, moi aplaudido en varias representacións.

Como membro de Voces Ceibes é un dos pioneiros. Aí está o seu disco de 1968, de Edigsa (Barcelona), á beira dos de Benedicto, Xavier e Miro Casabella. No segundo, de 1969, sorpréndenos coa canción Poema de emerxencia para Antonio Machado, que é un poema de Carlos Casares, escritor moi pouco coñecido como poeta. Tamén Machado estaba na musa reivindicativa de Moscoso, sobre todo este Machado de Casares, que finaliza con estes tres versos: «Na terra da charanga e dos pandeiros, / hai unha espranza que aínda agarda / encher de futuro iste silencio».

Non era a voz de Moscoso unha voz extraordinaria, nin, como músico, foi un compositor notable. Pero foi unha voz honrada e conmovida posta ao servizo dunha lingua e dunhas preocupacións que chegaron, mercé á canción, en pleno franquismo, «a mares nunca de antes navegados». Eu nunca esquecerei a bondade do seu espírito e a súa entrega ás causas xustas. Que a terra azteca, amigo e camarada, che sexa leve!