Estes galardóns que premian a tradución únenselle á modalidade xeral do premio Novela Europea, que, hai que lembrar, tivo como vencedores Lluvia fina (Tusquets), de Luis Landero; e El verano en que mi madre tuvo los ojos verdes (Impedimenta), de Tatiana Tîbuleac. Os galardóns serán entregados por separado durante o outono, segundo destacou Ubaldo Rueda, presidente do Casino de Santiago, posto que queren que teñan autonomía os premios de novela traducida, xa «que o nivel dunha lingua tamén se pode valorar polo nivel de tradución que hai a outros idiomas».
Ademais, indicou que o fallo desta modalidade será sempre o Día das Letras Galegas. Precisamente, destacaron a faceta de tradutora de Xela Arias. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, incidiu en que este certame «é un paso máis para proxectar a lingua galega cara a Europa». A concelleira de acción cultural de Santiago, Mercedes Rosón, anunciou a tradución ao galego por parte do Concello da obra gañadora do premio de Novela Europea.