O teatro, un lugar para curar a dor

CULTURA

Roberto Leal, Mabel Rivera, Belén Constenla, Eduardo R. Cunha «Tatán» e Fernando Morán, encarnándose a si mesmos, nunha escena da obra
Roberto Leal, Mabel Rivera, Belén Constenla, Eduardo R. Cunha «Tatán» e Fernando Morán, encarnándose a si mesmos, nunha escena da obra PACO RODRÍGUEZ

A montaxe do CDG «O terceiro acto» alcanza altura de voo cando cobran protagonismo as emocións íntimas e o perde a protesta reivindicativa sobre as penurias do oficio

14 may 2021 . Actualizado a las 22:51 h.

Tras sobrepoñerse a certos prexuízos relacionados coa idea de que unha obra teatral parta dun texto dramático improvisado de forma colectiva polos actores do elenco -e ao que lle deron forma Andrea Jiménez e Noemí Rodríguez- e superar uns inicios de función titubeantes, a cousa mellora moito en Terceiro acto. Pero moito, moito. Moitísimo, podería dicirse. Esa primeira desconfianza hai que tomala como responsabilidade toda no haber do que se senta no patio de butacas, e poida ser que o espectador tarde en entrar en calor tamén por esta falta de hábito presencial que forzou a pandemia do covid-19.

Pero o certo é que os comezos do espectáculo son atropelados, costa entrar e sentirse cómodo nese pícnic protesta, no que cinco actores camiño dunha idade provecta -maiores de sesenta anos que, laméntanse, non atopan moito sitio nas producións do teatro galego actual- se xuntan e okupan [con k] a sede do CDG con intención de denuncia, queren unha resposta da Xunta que desbloquee de inmediato a súa produción, Terceiro acto. O elenco configúrano Belén Constenla, Roberto Leal, Fernando Morán, Mabel Rivera e Eduardo R. Cunha Tatán, e cada un interprétase a si mesmo.

Neste xogo metaliterario, a acción reivindicativa non acaba de elevarse, salvo para favorecer algunhas chiscadelas sobre a profesión, introducir voces alleas -mensaxes de solidariedade vía móbil- como Morris, Ricardo Darín ou Luís Tosar, e encaixar conversas telefónicas como a do mediador da Administración autonómica. Tamén con Marta Pazos -como cabeza visible do novo teatro, ese no que a experiencia dos veteranos non acha acubillo e comprensión-, á que previamente se lle quita o pelello como representante dunha xeración sen prexuízos, que non ten paciencia para mirar atrás. Todo para trazar unha fenomenal caricatura desa actitude de ciúmes (tan do oficio) ante o éxito da súa compañía poppy [sic] Voadora e das súas versións poppy de Shakespeare.

No entanto, dá a sensación de que todas estas referencias ao gremio e á situación laboral dos actores na senda da xubilación poderían abordarse nunha churrascada para celebrar o aniversario de Belén Constenla, nunha comida nunha horta ou no salón da casa. Porque cando a obra alcanza verdadeira altura, moita, moi notable, é cando se abandona ese ás veces forzado debate de vellos revolucionarios que aínda aspiran (ou queren crer que aspiran) a cambiar o mundo (e cantan afervoados Grândola, vila morena e A galopar). A montaxe cobra altura de voo cando se poñen sobre a mesa as emocións, daquela os actores medran como titáns, no coral ou en pequenos duelos interpretativos.

As lembranzas, a nenez, os medos, os amores, a amizade, os soños, a morte abrollan como poderosos mananciais e inundan a platea, desbordando ao espectador, que bagoa docemente indefenso ante a forza da verdade, da evocación dos que non están, das penurias da guerra e a ditadura, da proximidade do encontro coa morte, das cousas pequenas, dos ceos cotiás, dos instantes compartidos... A breve charla entre Mabel Rivera e Tatán ou entre Tatán e Roberto Leal, prodixios de intimidade, danlle sentido a iso que define ao teatro como «un lugar para curar a dor». Aí, esta obra tórnase prodixiosa, e a lingua, que diría o poeta, sen emperiquitarse, toma «o grao máximo de temperatura».

Pero non todo é transcendente traxedia na memoria da vella escola do teatro galego, os «abaixo asinantes» en loita tamén saben divertirse. Quedan para a historia do ton celebrante (case bacante) as escenas corais da intoxicación lisérxica de cogomelos, o estriptis de Constenla e a euforizante coreografía da canción de La Casa Azul La revolución sexual.

O que non se queira manchar que quede na casa, o que queira rir e chorar a mares que vaia ver a estes cinco titáns ao CDG.

«TERCEIRO ACTO»

Intérpretes: Belén Constenla, Roberto Leal, Fernando Morán, Mabel Rivera, Eduardo R. Cunha «Tatán».

Dirección e dramaturxia: Andrea Jiménez e Noemí Rodríguez.

Escenografía: Marta Pazos.

Produción: CDG (Centro Dramático Galego). 2021.