María Victoria Carballo-Calero: «Para o meu pai, Otero Pedrayo era un ser excepcional e iso me inculcou»

María Doallo Freire
maría doallo OURENSE / LA VOZ

CULTURA

María Victoria Carballo-Calero, retratada na Casa Grande de Otero Pedraio en Trasalba
María Victoria Carballo-Calero, retratada na Casa Grande de Otero Pedraio en Trasalba Santi M. Amil

A fundación do gran escritor ourensán recoñece á historiadora da arte ferrolá

01 may 2021 . Actualizado a las 20:26 h.

Unha semana despois de que o escultor Manuel Buciños recollese o premio Trasalba do 2020, nunha gala que adiou o covid-19, a Fundación Otero Pedrayo nomeou o gañador deste 2021. Trátase da historiadora da arte María Victoria Carballo-Calero (Ferrol, 1942), filla do filólogo e intelectual Ricardo Carvalho Calero, a quen o ano pasado se lle dedicou o Día das Letras Galegas. E ela recibe o recoñecemento, di, emocionada e orgullosa.

-Que foi o primeiro que lle veu á cabeza cando llo comunicaron?

-Sentín satisfacción, sobre todo, cando me dixeron que fora outorgado por unanimidade. No padroado desta fundación están representados todos os sectores da cultura galega e para min é una auténtica honra.

-É un premio ao traballo de toda unha vida.

-Todo o que teño feito ten de fondo pór en valor a Galicia. Pero a verdade é que ese compromiso é algo que respirei na casa dende cativa. Non cabe dúbida que ter a alguén coma o meu pai sempre preto, corrixindo os meus textos, porque era moi perfeccionista, foi algo que me encamiñou cara a exaltación desta terra e da nosa cultura.

-Pon moita paixón no que fai?

-Toda. Eu non concibo a vida sen traballar todos os días un pouco. É algo que vai por dentro. Tiven cinco fillos en oito anos e ao mesmo tempo estaba preparando a tese de doutoramento e logo a oposición a cátedra. Lévoo no sangue.

-Pero é que vostede forma parte da historia de Otero Pedrayo. Que pensou ao ver que estaba presente nas cartas entre o autor e o seu pai, recollidas no libro «Polos camiños das horas»?

-Colleume por sorpresa. Eu non vin a publicación ata que fomos ao Parlamento a presentala e de repente vin na bibliografía que estaba citada moitísimas veces. Para min era tan natural que nunca tiña recapacitado niso, pero foi así. Meu pai pasou unha etapa de reclusión no colexio Fingoi, en Lugo, no que eu estudaba. El estaba nunha especie de exilio interior e dábame moitísimas notas para levarlle a don Ramón. Non o pensara nunca pero agora doume de conta de que foi unha pequena contribución de rapaza.

-Que simboliza para vostede Ramón Otero Pedrayo?

-Eu estas valoración fágoas indubidablemente a través do meu pai, unha persoa moi especial. Para el don Ramón era un ser excepcional, valoraba todo o seu traballo, a súa literatura e a súa capacidade oratoria. Admirábao moitísimo e iso foi algo que me marcou. Para o meu pai, despois de Castelao e de Rosalía estaba Otero Pedrayo. Eran as tres figuras da literatura galega que máis valoraba e na miña casa non había fotos de familia, senón deles.

-Que pensaría o seu pai ao vela gañar o premio Trasalba?

-Se son totalmente sincera penso que me diría: Pero que fas ti aí se o que estudou a Otero fun eu? [di en ton de broma]. El valoraba moito o meu traballo, especialmente porque sabía que o compaxinaba con ter a miña familia. Era unha persoa moi sentimental, aínda que parecía o contrario, e sei que estaría moi orgulloso. Cando me nomearon membro do padroado, Sixto Seco, que era alguén moi achegado ao meu pai, penso que fora incluso o seu alumno, díxome claramente que quen tiña que estar aquí era el, pero que sería unha honra que eu aceptase o posto.

-Queda aínda moito por facer pola cultura galega, non?

-Moitísimo. E tamén por sacala fóra de aquí. Temos moito que sosegar, que documentar e que criticar para complementar todo o xa feito. Hai que abrir as portas a todo tipo de autores, de todos os sectores, para que poidan opinar e achegar á nosa cultura para que non se perda e para que sexa cada vez máis ampla.

-E que pensa de achegala aos mozos?

-Creo que é fundamental. Eu noto entre os alumnos que xa non teñen o interese que por exemplo tiña eu cando estudaba en Santiago. Recordo que onde había calquera cousa relaciona coa cultura, estabamos nós, e agora xa non é así. Non debemos esquecer que o que temos hoxe é froito da loita de moitos autores como Otero Pedrayo e coma o meu pai, Carvalho Calero. Eles sacrificaron moitísimo por documentar a nosa literatura e por aportar á cultura de Galicia, e nós temos que continuar a súa estela.