Novas achegas á figura de Rosalía en relación á fotografía e a paisaxe

x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A revista de investigación «Follas Novas» presenta o seu quinto número

24 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Non imos acabar de investigar a Rosalía de Castro. Sempre van aparecendo cousas ou perspectivas de análise novas e iso dinos que Rosalía está viva». O presidente da fundación que leva o nome da autora, Anxo Angueira, resumiu deste xeito o interese que a obra e a figura de Rosalía manteñen para os investigadores. Fíxoo na presentación do quinto número da revista Follas Novas, cuxo director, Xosé Luís Axeitos, confirma a mesma tese: «É un tema que non se dá esgotado. Ademais, é responsabilidade de todos, xa que cada xeración ten que facer a súa lectura dende as súas propias circunstancias».

A última entrega de Follas Novas é precisamente un compendio de como se poden formular achegas a Rosalía dende eidos que van máis alá do literario. Germán Labrador, da Universidade de Princeton, centra un artigo sobre a súa obra en relación á paisaxe. Para este especialista, Rosalía é «a poeta fundadora da comprensión cultural da Galicia moderna». Neste sentido, aborda como a súa poesía non se queda nunha simple contemplación da paisaxe, senón que nela están incluídos numerosos elementos que remiten ás persoas. O tránsito dunha sociedade tradicional agraria cara á introdución do capitalismo industrial é unha das lecturas que permiten os seus versos. «A súa obra captura o universo campesiño na súa complexidade social e económica, denunciando os dous feitos políticos máis importantes do seu tempo: as consecuencias das reformas na propiedade da terra e da alienación dos montes comunais, dun lado, e a emigración, doutro», escribe Labrador, quen ve na obra de Rosalía unha «historia política da paisaxe».

O enfoque do artigo de María de los Ángeles Rodríguez Fontela, da Universidade de Santiago é o da fotografía, máis concretamente, unha análise da evolución dos retratos de Rosalía, que vai dende as imaxes de corpo enteiro da súa mocidade a un progresivo peche do encadre na súa faciana, que a investigadora denomina «rostrificación». A iconografía rosaliana é importante como alicerce da mitificación da súa figura: «a foto axuda a crear o mito, e o mito potencia e renova a imaxe do ser que “unha vez foi”», escribe Rodríguez Fontela. Con respecto ao rostro da escritora, sostén: «Hai incluso unha explosión significativa cósmica, simbólica, mítica que vai moito máis aló da carnalidade existencial dun rostro». 

Emilia Pardo Bazán

Outros artigos de Follas Novas son o de Fernando Cabo, Rosalía de Castro, póstuma, que parte da serie última de poemas de En las orillas del Sar; Rosalía de Castro: intentos de asasinato durante a Guerra Civil (1936 - 1939), de Aurora López e Andrés Pociña, sobre o silenciamento dos sublevados con respecto á obra de Rosalía; e o traballo de Pilar García Negro sobre Emilia Pardo Bazán acerca da súa concepción de Galicia, as súas ideas sociais e a «desestima» que sentía pola literatura en galego expresada nesta lingua con vocación universal. Son propostas para «debater», como di Axeitos, quen analiza un contrato de edición de Manuel Murguía, mentres que Diego Rodríguez González, da Fundación Barrié, achega unha carta do escritor á súa dona Rosalía, data en 1879. Follas Novas complétase con achegas de Alfredo Conde, Margarita Viso Soto e Lydia Fontoira.

«Cada día descubrimos novas cousas sobre Rosalía», coincidiu Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural de Santiago, que patrocina a revista Follas Novas.

Ofrendas, teatro e música de gaita

Cada 24 de febreiro celébrase o nacemento de Rosalía con distintos actos. A súa fundación ten previsto para este mércores a plantación de senllas fillas da súa figueira, no Parlamento e máis no Parque do Recordo do Pazo de Faramello, en Rois. Ademais, participará en ofrendas florais tanto en Santiago como en Padrón. A pandemia motivou que os actos se desenvolvan sen público, pero a fundación fixo un chamamento á cidadanía para que celebre a conmemoración rosaliana na casa e nas redes, cociñando o caldo de groria ao que a escritora alude no poema Miña casiña, meu lar, con lecturas da súa obra ou cunha alborada en colaboración coa Asociación de Gaiteiros Galegos.

Pola súa banda, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega tamén se suma un ano máis á celebración. A entidade programou un acto para o vindeiro sábado no Panteón de Galegos Ilustres, onde se lerá o manifesto que este ano escribiu Anna R. Figueiredo. «Ser Rosalía é un acto de rebeldía, é unha acción política. Cada mirar nos ollos fire coma cen saetas. Non precisamos máis, só mirar. Quen mira a obra de Rosalía entende a muller de vangarda que hai detrás dela, a insubmisa, a creadora do pensamento, a inconformista, a muller valente que elixe a palabra para loitar contra a inxustiza e para crear un país sublime», di parte deste manifesto.

Ademais, hai outras actividades pensadas para todo tipo de público. Como a obra Rosalía, que se celebra este mércores na biblioteca de Sada (18.00 horas) e que se repite o venres na Casa da Cultura de Padrón á mesma hora, un achegamento á súa vida para o público infantil. Ou Rosalía marabillosa, que se poderá ver o venres (18.00) horas na Biblioteca Pública de Lugo. Este xoves, na Biblioteca Pública de Ourense (18.00 horas) celebrarase A que lía Rosalía, un obradoiro sobre a autora a cargo de Sarabela Teatro.