Nadal

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

22 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nesta época do ano sempre lembro os nadais tal e como eu os vivín de cativo. Con tres fillos xa maiores de idade é inevitable non botar de cando en vez unha ollada ao pasado. Ás veces os recordos son bos e outras, loxicamente non tan bos, dependendo das circunstancias de cada momento. Do mais fermoso que lembro é aos meus avós e aos meus pais en vida e ir pasar estas datas do ano en familia a Niñodaguia-Xunqueira de Espadanedo-Ourense, que era onde os avós estaban. Daquela era unha longa viaxe dende A Coruña. Máis de 200 quilómetros con estradas que por momentos metían medo e máis, na escura invernía.

A aldea cheiraba ao fume das cociñas e das lareiras e aínda se percibía o particular arrecendo do tempo da matanza. Os chourizos, chourizas, pedros e outros derivados do porco estaban en proceso de curación e era un ritual estar pendentes da súa evolución, así como manter vivo o lume no tallo de carballo que ardía paseniñamente afumando toda aquela paisaxe pendurada do teito da chouriceira. Sempre ía moito frío e a maior parte das veces había nevadas importantes, que a min como raparigo parecíanme marabillosas, máxicas. Lembro de facer grandes bonecos de neve e de arrincar os carambelos que colgaban dos tellados para lambelos coma se fosen xeados. Tamén aquelas longas noites invernais ao pé do lume na cociña escoitando historias, porque nin a radio nin a televisión apareceran aínda para estorbar á palabra. Cos temporais, moitas veces, nin luz había e iso tamén creaba un ambiente medio tétrico para o meu entender de neno, polo que non saía en ningún momento da beiriña dos meus pais. Lembro os fermosos pradairos de en fronte á nosa casa, e ver dende o balcón todo o val cóncavo da Limia que remataba moi lonxe, nas escarpadas montañas do Xurés. De colocar un auténtico pequeno piñeiro de Nadal e da ilusión que me facía velo posto cos seus adorniños.

Tempos diferentes, nin mellores nin peores que os que foron vindo, mais como neno, vivín aqueles anos con moita ilusión e probablemente con moita menos presión mediatizada que nos tempos actuais. Ese marteleo constante e tenaz que foi convertendo esta época do ano en algo moito menos auténtico e bastante máis acultural e comercial.