Sempre fun afeccionado á astronomía e aos eventos que nos ofrece o ceo ben a miúdo. Eclipses, cometas, estrelas fugaces, aliñacións planetarias, bólidos ou chuvias de estrelas, son fenómenos que xa teño observado algunha vez na miña vida, incluso manchas solares. Algúns son espectaculares, realmente sorprendentes e non me estraña que houbese e haxa aínda culturas que lles profesen admiración, respecto e tamén medo. Pensábase que algúns destes fenómenos poderían ser indicadores de malos augurios e predicións fatais como as lúas vermellas, algúns eclipses ou os cometas mais tamén os hai positivos como a observación das estrelas fugaces. Miña nai contábame que durante a guerra civil, sendo ela meniña, vira como o ceo se tornaba completamente de vermello co conseguinte espanto e desacougo das xentes pensando que se trataba dun castigo divino e que o sangue dos mortos da guerra tinxía o ceo anunciando a fin do mundo. En realidade tratábase dunha aurora boreal, algo moi pouco frecuente por estas latitudes pero moi espectacular. Se se pode ver dende aquí é por unha exección solar moi potente que é o que as fai visibles e na actualidade podería ser un signo preocupante polo que puidera afectarlle aos tendidos eléctricos ou ás comunicacións. O caso é que falando de eventos, neste ano 2020 e coincidindo co solsticio de inverno o vindeiro 21 decembro, Xúpiter e Saturno van estar aliñados coa terra, algo que non sucedía dende o século XIII. Estes dous planetas son dos astros que máis brillan no ceo nocturno e velos conxuntamente será un impresionante espectáculo observable a simple vista aínda que cuns prismáticos ou cun telescopio moito mellor. Como a maioría destes acontecementos «especiais» non está exento de augurios e de predicións variadas que xa falan dende un posible cambio de rotación dos eixos da terra ata da curiosa coincidencia co famoso calendario maia que situaba o fin dun tempo o 21 de decembro do 2012. Neste caso, co desfase entre o antigo calendario xuliano e o actual gregoriano que é de oito anos de diferenza, fai coincidir esta data coa que dicían os maias. E así vai transcorrendo a humanidade, de evento en evento, e que non falten nunca estes marabillosos espectáculos celestiais, pero mellor sen lercias.