Memoria da loita

CULTURA

16 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

escritor estadounidense Ted Chiang, autor de bestsellers de ciencia-ficción, sostén que os seres humanos «somos o que eliximos recordar». E coido que a frase é moi certeira, porque é ben seguro que nunca o lembramos todo, pero é igualmente certo que a pandemia que agora padecemos -e que combatemos- hase converter na memoria dunha loita solidaria por sobrevivir, e así pasará a formar parte das lembranzas da xente de todo o mundo. Será a memoria de cómo nos fomos entendendo e nos fomos axudando, nun espectacular desafío de ámbito universal. Porque sí: seremos o que poidamos ou elixamos lembrar!

Non son capaz de acoutar as proporcións desa memoria, cuxa definición final se cadra non será uniforme e terá, probablemente, distintos matices ou aspectos secundarios. Pero o esencial é o que agora estamos sentindo, vendo, vivindo… E disto non xurdirá unha versión única, pero os datos acoutarán a realidade e non permitirán negar o esencial desta pandemia e das nosas reaccións ante ela. Esa será a nosa memoria plural dunha desfeita aínda en marcha.

Díxonos Aristóteles que «grazas á memoria, dáse nos seres humanos o que se chama a experiencia». Nada menos. Porque de aí ven todo que fomos aprendendo, é dicir, todo o que hoxe sabemos. Aínda non hai moito, o gran escritor portugués José Saramago (finado hai dez anos) dicíanos: «Hai que recuperar, manter e transmitir a memoria histórica, porque, se non, comézase polo esquecemento e termínase na indiferenza».

Está claro que o covid-19 está dentro dese devir histórico e colleunos desarmados. Hoxe estamos no tramo que nos corresponde nese desenvolvemento histórico. E hai que dicir con claridade que nos toca ver á humanidade na loita, procurando a salvación, é dicir, o noso propio futuro. E oxalá que, despois de dobregar todas as dificultades habidas e por haber, poidamos chancearnos co Ramón Gómez de la Serna que escribiu: «Tiña tan mala memoria que esqueceu que tiña mala memoria e acordouse de todo». Que poidamos velo sen tardar!