Traducir

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

25 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde 2017, por decreto da ONU, celébrase o 30 de setembro no mundo enteiro o Día Internacional da Tradución, xénero intelectual que o alto organismo considera, con razón, pouco valorado. Pois ben, nos comezos da pandemia, unha profesora viguesa de francés, ademais de poeta, creou o grupo literario virtual «Nos queda la palabra», denominación que modifica levemente un famoso verso de Blas de Otero. E coa palabra, este elenco de poetas, dirixido por Stella Maris González Balbuena, fainos chegar, virtualmente, no chumbo da pandemia, versos que non nos desvencellan das grandezas da vida. Hoxe mesmo, día 25, cinco días antes da celebración oficial, vinte poetas viguesas e un erudito tamén vigués recitarán versos en varios idiomas, seguidos da tradución galega. O erudito, o profesor Xesús Alonso Montero, recitará, primeiro, o celebérrimo epicedio de Curros Enríquez A Rosalía e, logo, a admirable tradución latina que fixo, en 1994, o P. Sergio Álvarez, insigne latinista. O latín tamén estará presente na voz de Cristina Amoedo, que escolleu e traduciu un poema amoroso de Catulo. A directora do grupo de rapsodas, experta na poesía de Jacques Prévert, recitará versos deste gran escritor en francés e en galego, e Graciela Baquero Ruibal, versos seus en castelán e na versión inglesa que acaba de publicarse. As outras voces seguen o mesmo criterio.

Xa que nos convoca o Día Internacional da Tradución é de elemental xustiza citar un breve folleto que acaba de editar, no seu obradoiro poético de Lugo, o escritor Claudio Rodríguez Fer co título Pai meu (amén, camarada). Trátase dun «rifacimento» laico da oración dominical, do Noso Pai, con versos coma estes: «Pai meu que estiveches no cárcere: / veña a nós o teu reino sen reis... / Que o pan noso de cada día / o poidamos gañar / coma ti honradamente...». O cívico rezo ofrécesenos en dezaseis idiomas, entre eles, o castelán, o portugués, o catalán, o inglés, o galés, o bretón, o grego, o ruso e o esperanto. Non omitamos que un poema do autor, A cabeleira, hai anos foi editado en 65 linguas, quizais o poema galego que ten falado en máis falas.