O programa de radio máis vello en galego cumpre 70 anos

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CULTURA

JOSE MANUEL CASAL

«Sempre en Galicia» naceu en Montevideo o 3 de setembro do 50

03 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Tal día coma hoxe de 1950, sete meses despois da morte de Castelao, nacía en Montevideo o programa Sempre en Galicia, na honra do médico, intelectual e político rianxeiro. Sete decenios dun espazo que empezaba na radio Carve, feito por galegos republicanos, e que hoxe (dende hai moito) sen connotacións políticas, emítese cada semana, os domingos, de 9.00 a 10.00 horas, en Radio Oriental. É o programa de radio máis veterano falado integramente en galego, feito ademais dende a capital uruguaia que ten o centro galego máis vello do mundo.

Dende xa hai 42 anos, o seu responsable é o carballés Toni García de Seárez, quen este vindeiro día 6 fará unha alusión especial, nun programa tamén singular, á efeméride. E seguramente lembrará aos fundadores: Lois Tobío, Antón Crestar, Manoel Meilán, Pedro Couceiro e Xesús Canabal.

Lembra Toni que, durante os primeiros anos de emisións, «os editoriais escribíanos Ramón Piñeiro, González López, Seoane, Sixto Seco, Neira Vilas e un longo etcétera». Xa en relación ao seu devir, explica que polas súas ondas foron pasando todos os presidentes autonómicos da Xunta, e numerosos personaxes das letras e da sociedade, como Cela, Filgueira Valverde, Díaz Pardo e moitos máis. E na condución do programa pasaron, entre outros, Fernando Pereira, Yolanda Díaz ou Manuel Suárez. O espazo logrou varios recoñecementos, como o Premio Galicia de Comunicación en 1997; o Valores de Galiza do centro galego; o Pedrón de Ouro en 1984, o Aplausos en la Radio do Ministerio de Cultura de Uruguai.

O programa non se escoita só na capital montevideana e resto do país, senón tamén no gran Bos Aires e tamén no sur do Brasil.

García de Seárez explica que o programa «é a voz oficial do Patronato da Cultura Galega, fundado en 1964, pero ten autonomía propia». Ademais, dende hai xa uns anos comparten esa hora con el a doutora Ana Lorenzo e Francis Queijo (orixe galega), ademais dun grupo que colabora na obtención de noticias e de temas. Hai moita cultura, biografías, música, entrevistas, editoriais sobre temas de actualidade.

Mesma sintonía

Nestes setenta anos, hai un elemento que non variou nunca: a voz de Meilán abrindo e pechando o espazo, con estas palabras: «Bos días galegos, eiquí Sempre en Galicia, audición radial ao servicio da arte e da cultura galega que se transmite os domingos ás nove da mañá dende o 3 de setembro de 1950». É o xeito en que moitos o identifican con esa ventá á cultura galega na diáspora, ademais da sintonía coa Muiñeira de Chantada. Non única, claro, ao longo da historia, sobre todo en América, pero tamén ten habido programas en galego en Londres ou Suíza, por citar dous. Claro que eses son historia, e o uruguaio resiste. ¿Durará outros 70 anos máis, polo menos? «Ai! Boa semente hai», responde o carballés.