Trasnos


Dende ben cativo escoitei falar de trasnos, e ata fun acusado de facer determinadas trasnadas que vén sendo algo así como facer algún tipo de travesura ou diabrura. A figura física do trasno está popularmente asociada a un pequeno ser con aspecto burleiro que non é doado de ver. Nas tradicións galega e do norte de Portugal, que son ben semellantes, crese que os trasnos provocan pequenos accidentes domésticos, ruídos descoñecidos e incluso poden chegar a ser uns molestos acompañantes. O mellor é non dar con eles para non ter que lle plantar cara xa que poden chegar a ser rivais moi incómodos.

No imaxinario, e dentro do que son os seres míticos galegos, a figura do trasno goza dunha grande popularidade e implantación por todos os recunchos do noso territorio, mais tamén teñen moitos análogos en diferentes territorios peninsulares, Europa e tamén noutros lugares do mundo. Na veciña Asturias aos mesmos personaxes e facendo practicamente o mesmo tipo de diabruras chámaselle trasgus, en Cantabria trastolillus e en Euskadi iratxos. Nos países celtas irmáns tamén temos estes mesmos seres, sendo na Bretaña os korrigan, en Irlanda os leprechaun ou en Gales os knocker. Na nosa literatura podemos atopalos en títulos como Dos arquivos do trasno de Rafael Dieste do no ano 1926, no texto do conxuro da queimada escrito polo pobrense Mariano Marcos Abalo en 1967, ou recollidos da tradición como no Dicionario de seres míticos galegos de X. R. Cuba, A. Reigosa e X. Miranda do ano 1999, pero sobre todo están presentes na literatura infantil.

Na música algúns exemplos son Rosiña e o Trasno dos saturninienses Saraibas ou O trasno na casa de abaixo dos lucenses Brath entre outros. Como queira que sexa, os trasnos están presentes entre nós dende tempo inmemorial de moi distintos xeitos e manifestándose en diferentes formas o cal enriquece o noso patrimonio mitolóxico e tamén o noso acervo popular dunha maneira considerable. Polo noso ben o mellor é non ter que cruzarnos con eles para poder seguir estando razoablemente tranquilos, e mentres gocemos só das trasnadas que lle fan a outros, moito mellor!

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Trasnos