Cunqueiro único

CULTURA

24 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Os escritores leoneses Luis Mateo Díez e José María Merino foron quizais dos que máis reivindicaron a literatura de Álvaro Cunqueiro desde unha perspectiva profunda e orixinal, fascinados polos «verdadeiros descubrimentos» que o gran escritor galego fixo nos mundos míticos ou lendarios da vida cotiá, na propia aldea recreada ou nos espazos históricos gregos ou romanos, sabiamente fabulados e reformulados. E o resultado de todas aquelas marabillas foi «un xénero novo», como sostén Luis Mateo Díez. É dicir, un xénero distinto, cheo tamén de «nostalxia dos mitos» que, se cadra, xa desapareceran ou nunca foran tal e como el os concibía e nolos presentou na súa obra.

De certo, sostén o escritor leonés, Cunqueiro non pretende recrear un pasado, senón «construír un universo cunha vocación de comunicación xeral». E isto é talmente o que se pode constatar na maior parte da súa obra: A riqueza irrefreable dunha capacidade literaria que non admite límites, nin sequera formais. Por iso tampouco se exclúe a súa propia realidade, que flúe coma un regato inverosímil na súa obra.

Pola súa banda, José María Merino destaca «a invención dun estilo moi orixinal, mediante unha linguaxe moi rica en matices de todo tipo. A isto suma Cunqueiro unhas capacidades que non teñen parangón entre nós -e habería que repasar a historia da literatura universal intentando encontrar algo semellante- para inventar e trillar ficcións de corte fantástica nunha sucesión vertixinosa e inesgotable… Todo isto, dentro da súa firme vontade de introducir estas ficcións, non no marco da realidade convencional -a realidade da vida cotiá-, senón no universo exclusivo da literatura máis imaxinativa».

Merino sostén que a Cunqueiro non o podemos encadrar no «fantástico», porque lle falta esa «irrupción do imposible no real» que debería identificalo. E para adscribilo no «marabilloso», a Cunqueiro sóbralle retranca irónica. Merino cre que sería máis xusto adscribir a obra de Cunqueiro no «metaliterario»: pois a realidade que a envolve ou que lle serve de reclamo é só literaria, e tan afastada das convencións deste lado da realidade que nos seus libros «non aparece nin un só conflito moral». Tamén nisto Cunqueiro é único!