Volve un poeta amado

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

No disponible

10 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre os poetas galegos aos que lles teño lei, moita lei, un deles é o poeta chairego Xosé Crecente Vega (1896-1948). Poeta dun só libro, Codeseira (Santiago, 1933), lin varias veces esa primeira edición como se dun devocionario se tratase. Lembrando o meu vello exemplar, recordo, inevitablemente, un verso de Menéndez Pelayo referido ó volume, coa Poesía completa de Horacio, obrante na súa biblioteca: «Yo guardo con amor un libro viejo», que é o primeiro verso da súa Epístola a Horacio. En efecto, eu gardei con amor, anos e anos, ese vello libro, escrito por un sacerdote da Terra Chá, bo latinista, que nos dá, ás veces, unha visión virxiliana da Chaira luguesa. No ano 2002, o profesor Ricardo Polín, que foi alumno meu en Lugo, editou nun volume Codeseira e os poemas dispersos do noso autor. Traballo admirable!

Agora, cando a musa de Crecente Vega parecía esquecida, un grupo de letraferidos de Castroverde (Lugo) e algunha institución anuncian que celebrarán, o ano que vén, os cento vinte e cinco anos do seu nacemento e que solicitarán para el os máximos recoñecementos e loureiros. Publicaron un díptico moi didáctico. Eu propóñolles que, no próximo díptico, publiquen o poema 4 de Codeseira, que é un inesquecible soneto que comeza con este horaciano serventesio: «Ben ditoso é o labrego que se poda / valer en si, sin traballar no alleu; / que ten pra dar ós fillos unha coda; / un peso pra gastar; gado de seu». Está ben claro que o latinista chairego imita -con moito talento- os primeiros versos do celebérrimo Beatus ille de Horacio, un Horacio lido por un campesiño galego para quen a felicidade é traballar os campos propios, non ter que traballar (baixo a férula dun amo) no alleo. Foi tamén o ideal de vida de meu pai, que nunca leu a Horacio nin sequera a Crecente Vega.

Nos últimos anos, don Xosé Crecente Vega, bo filólogo clásico (autor dunha edición de Tibulo), foi catedrático de Latín e director do Instituto de Segovia. Alí morreu, ós 52 anos de idade, tuberculoso, nun tempo no que esa doenza era unha peste para todos aqueles que non tiñan recursos para seren coidados en sanatorios de alto nivel. Quizais don Xosé Crecente arrastraba quebrantos dos anos da Guerra Civil, que pasou en Madrid, onde estaba opositando a cátedras na promoción dos «cursillistas do 36». Polos datos que temos, non foi tratado co respecto que calquera persoa merece, sexa na paz ou na guerra. Se na España franquista había falanxistas que recibían ordes represivas das máis altas instancias e personalidades, na republicana, sobre todo nos primeiros meses, houbo milicianos que, sen recibiren ordes dos altos dirixentes (está demostrado), non respectaron o latín, nin a Horacio nin á poesía.

Prodúceme gran ledicia intelectual a noticia dos letraferidos de Castroverde. Eu sigo gardando con amor o libro de poemas de don Xosé Crecente Vega!