Cunqueiro e o Estatuto do 36

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

03 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Os eruditos do galeguismo leron -con atención, sen dúbida- o xornal vigués El Pueblo Gallego do 28 de xuño de 1936, día no que se plebiscitou por primeira vez na historia un Estatuto de Autonomía para Galicia. Nese número, o ilustrado xornal dedicou un extenso monográfico á cuestión debatida nas urnas nesa mesma data. Era un monográfico no que un número moi elevado de persoas relevantes da política galega se pronunciaban sobre o Estatuto. Predominaban as do Partido Galeguista pero opinaban outras voces, entre elas a de Filgueira Valverde, da Dereita Galeguista. Nese monográfico non está ausente a voz de Álvaro Cunqueiro cun artigo titulado A voz da liberdade, que os estudosos do galeguismo coñecen ben.

É menos coñecido e case nunca citado o artigo do propio Cunqueiro publicado en El Sol, de Madrid, o 27 de xuño do 36, por tanto, a véspera do plebiscito estatutario. Titúlase En el principio fue el verso, título moi cunqueiriano. Acaba de exhumalo na colectánea Al pasar de los años (Biblioteca Castro, Madrid, 2020) o cunqueirólogo Miguel González Somovilla, quen, nunha nota, aclara que o autor publicou un «texto similar», ao día seguinte, no citado xornal vigués. Eu concordo, no esencial, co adxectivo «similar».

Ata onde sei, os medios de comunicación, hai cinco días (o domingo 28), non conmemoraron debidamente unha data e un feito tan importantes na historia de Galicia e da democracia española, o que é, quizais, outra das consecuencias da pandemia. Eu, cunha miguiña de retraso, fágoo poñendo o acento no artigo de Cunqueiro en El Sol, moi lido daquela en toda España por cantos tiñan inquedanzas políticas ou culturais. En el principio fue el verso apareceu á beira de artigos de Jesús Bal, Ramón B. Tenreiro, Emilio González López e do extragalego B. Sánchez Alonso, todos eles nunha sección ad hoc titulada Galicia ante el Estatuto. Los antecedentes del galleguismo. Que eu saiba, a prensa madrileña de hoxe non aludiu á efeméride.

O artigo de Cunqueiro glosa versos -que cita na lingua orixinal- de Nicomedes Pastor Díaz, Rosalía de Castro e Eduardo Pondal: «Así, con verso, en el siglo XIX, nos recomenzamos los gallegos». Hai, no final do texto, un canto á lingua e unha referencia a un ilustre e antigo epitafio, «Amaron a liberdade e asentárona na xustiza», fermoso programa político (se o desenvolvese a esquerda) que Atila e a barbarie do Dezaoito de Xullo de 1936 esnaquizaron do xeito máis brutal. Naquel balbordo, persoas como Álvaro Cunqueiro tamén foron, dalgunha maneira, vítimas, durante uns anos, de medos, confusións e retóricas que non soaban moi mal. Pasados eses primeiros anos, Cunqueiro emerxe como escritor, como extraordinario escritor, nas dúas linguas nas que era excelso.