Un dos mitos máis sostidos e mellor alimentados do boom latinoamericano foi o de que todos os escritores que o compoñían levábanse moi ben entre eles e compartían relacións fraternais. Mais isto non era certo, non o foi nunca, aínda que sí había autores que mantiñan relacións moi entrañables. Os exemplos que ilustran esta realidade son moi numerosos, pero non estou en condicións de expoñelos aquí en detalle porque esta columna non dá para tanto.
Se comezásemos por México, veríamos que a figura cultural preponderante foi Octavio Paz, un xigante literario que empezou na revolución mexicana representando en Estados Unidos ó guerrilleiro Emiliano Zapata. Paz naceu en 1914 e despregou desde moi novo unha gran actividade política e cultural. De certo, converteuse moi axiña nun «guerrilleiro da poesía» e o poeta español Rafael Alberti elevouno coma un verdadeiro revolucionario «porque ti tratas de cambiar a linguaxe e eles (os outros) simplemente fan xornalismo político». Nesta condición asistiu ó Congreso de Escritores Antifascistas que se celebrou en Valencia en 1937, é dicir, en plena Guerra Civil Española. E alí foi a esperalo e recibilo o grande Pablo Neruda.
Mais, a medida que os recoñecementos a Octavio Paz medraban, tamén aumentaban as reticencias dos que o percibían subido a un pedestal demasiado alto. Así, o prohome mexicano empezou a ser visto con receo por outros, na medida en que máis se elevaba e máis grande se cría. Escribiu libros moi valiosos, certo, pero quizais se vangloriou da súa propia grandeza. E se cadra quen mellor definiu a situación foi o gran novelista Juan Rulfo, autor de Pedro Páramo e El llano en llamas, que ironizaba: «En México a cultura descansa en Paz».
E así acabou sendo en boa medida. Octavio Paz converteuse nun xigante cun gran recoñecemento internacional. Non en van foi o home que se enfrontou a Sartre e que se pronunciou a favor de Camus, e era amigo de André Bretón e de Luis Buñuel. Foi máis internacional que latinoamericano. E quizais a soberbia non lle foi algo alleo. Finou en 1998.