Cabo Verde

Bieito Romero
Bieito Romero SON DO AR

CULTURA

09 jun 2020 . Actualizado a las 15:26 h.

i no ano 2006 cando coñecín Cabo Verde e dende aqueles días, a súa lembranza quedou fermosamente gravada na miña memoria. Saímos da Coruña en bus ata o aeroporto Francisco Sâ Carneiro de Porto e dende alí voamos ata a illa de Sâo Vicente onde está situado o aeroporto Cesária Évora.

A música como forma de expresión cultural tivo en Cabo Verde a Cesaria Évora como a mellor embaixadora, muller de gran sensibilidade e portadora da alma do seu pais. Ela deixou unha estela que seguiron moitos outros artistas como Tito París, Lura, Ferro Gaita, Sara Tavares ou Mayra Andrade entre outros que continuaron situando este pequeno arquipélago centroafricano no mundo. Un tipo de acción, coa música como protagonista, no que moitas institucións deberían reparar á hora de promocionarse cara o mundo. Cabo Verde é tamén un lugar paradisíaco no oeste do basto continente africano onde prevalece a paz e a tranquilidade.

Foi naquel 2006, que xa semella tan de lonxe, cando desembarquei en Sâo Vicente e respirei un ar tan familiar como o que respiro aquí. Estaba na África insular escoitando falar en galego con xente de raza negra tan acolledora e doce como somos (habitualmente) nós, os galegos. E foi un descubrimento sorprendente! Sentinme un máis ao instante malia saber que estaba separado por uns cantos milleiros de quilómetros de mar da miña casa.

De Sâo Vicente navegamos nun transbordador ata Santo Antâo. Boa parte da viaxe fomos acompañados por peixes voadores que converteron en inesquecible e máis levadío o noso traxecto mariño. Fixemos un percorrido dende o peirao de Porto Novo ata Ribeira Grande atravesando unha desas estradas empedradas que tanto gustan nas culturas lusitanas e que eu respecto, pero que te deixan mallado. E xa alí, dinme conta de que hai lugares no mundo onde podes sentirte como na propia casa.

Este ano, se a pandemia o permite, volverei, gozarei e tentarei que coa nosa música eles tamén se acheguen un pouquiño á nosa cultura e á nosa terra. Cabo Verde é un lugar paradisíaco con xente acolledora e boa. Gosto!