Por músico!

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

12 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai xa ben anos decidín dedicarme profesionalmente á música a pesar de estudar algo totalmente diferente. Antes de tomar esa decisión, ben meditada, estiven unha chea de tempo exercendo de xeito afeccionado, pero con moita paixón, o mesmo oficio. A música folk á que me dedico non é precisamente a que sona con máis frecuencia nos medios de comunicación, nin moito menos, aínda que si é moi popular e ten un público que garda unha certa fidelidade o cal fai que ese sexa un valor moi importante.

Pode parecer un tópico dicir que fóra de Galicia é moi valorada e recoñecida mais é unha certeza e grazas a iso, Luar Na Lubre sigue con boa saúde despois de máis de 30 anos da súa creación, con 19 traballos discográficos e máis de 1500 concertos realizados en máis de 30 países diferentes. Á hora de profesionalizármonos, a finais dos anos 90, constituímos unha empresa e cotizamos como autónomos o que por lei nos corresponde e cos seus máis e seus menos, aí­ estamos, inscritos nun epígrafe un pouco difuso que moitas veces nos deixa nun limbo administrativo enmarañado pero non temos nada mellor e é co temos que terzar. Agora, cun disco a piques de saír e cunha xira impresionante que nos levaría por moitos lugares de Galicia, España e do mundo, aparece de súpeto este virus sibilino e fai que todo o que tiñamos proxectado a corto medio prazo haxa que suspendelo ou adialo sine die e que con moi pouco tempo teñamos que pornos a mirar alternativas de viabilidade para facer fronte a toda esta desfeita.

E así estamos, agardando a que se clarifiquen algo as cousas, ver que camiños tomar e cal é a alternativa que temos para encarar este estraño momento que se nos cruzou na vida. Vivimos nun estado caracterizado por non tratar especialmente ben a súa cultura en termos xerais e a pesar de que todo son palmadiñas no lombo e boas palabras de ánimo pouco máis temos. Estou convencido de que non é un problema puramente administrativo pero nestes momentos difíciles é cando en realidade deberían de estar como o fan noutros países que admiramos por determinadas maneiras de xestionar e onde a cultura é un ben prezado. Toca reinventarse unha vez mais, por músico!