Domingo de Andrade, o arquitecto do sobrenatural

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

A escaleira helicoidal no Museo do Pobo
A escaleira helicoidal no Museo do Pobo XOSÉ CASTRO

O Día das Artes Galegas celebra a quen pasou o barroco pola peneira da identidade galega e dende Compostela espallou polo país un xeito único e esplendoroso de construción

01 abr 2020 . Actualizado a las 17:56 h.

Empeñada nos cortes limpos, nas gabetas ben ordenadas, a historia esquece ás veces os espazos borrosos nos que agroma o xenio que cambia un país. De a cabalo entre dous séculos, Domingo de Andrade é o barroco antes do barroco. O capitán do tránsito cara a unha nova Galicia esplendorosa, redonda e zumarenta como as decoracións vexetais que coroan a Berenguela. Velaquí a primeira parada do paseo que o profesor Alfredo Vigo Trasancos propón para o Consello da Cultura polas obras dun mestre de obras que non se sostiña nos libros, senón no sagrado. O responsable da catedral de Santiago tiña que ser, por forza, o arquitecto do sobrenatural. O Día das Artes Galegas celebra este mércores a súa figura.

A torre do reloxo da catedral de Santiago
A torre do reloxo da catedral de Santiago PACO RODRIGUEZ

A Torre do Reloxo foi a súa primeira obra como mestre de obras da catedral. E xa coa primeira «impacta». Vigo Trasancos constrúe, con palabras, igual que Andrade fala con perpiaños e doelas. E na súa conversa vaise erguendo un tótem arquitectónico, un faro para un santuario que transcende Galicia e que configura «una especie de Jerusalén celestial, como si Dios tocase a Santiago» e a convertese nunha cidade paradisíaca.

Do ceo, ao chan. Hai nun recuncho de Praterías unha cuncha espectacular, un exercicio de habelencia que sostén a catedral case se foise unha man. Unha escaleira pendurada do ceo. «Es como si el Apóstol hiciese de atlante y sostuviese con su cuerpo simbólico [a cuncha e a cruz] esa parte de la catedral». É tamén unha arquitectura mimética co traballo renacentista de Rodrigo Gil de Hontañón. Sabe subordinarse para que a arquitectura sexa harmónica.