Entroidos e neveiros

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

Hai uns días, e como xa teño por costume anual, fun vivir os entroidos ourensáns. As raíces tiran moito e ademais non teño dúbida de que son os mellores da Península en canto a cantidade, concentración, variedade e valor antropolóxico e etnográfico.

Por circunstancias tocoume ir o xoves a Viana do Bolo, onde coñecín, aínda que só por riba e na noite de comadres, o ambiente que hai na vila nesta época do ano e os preparativos previos para a saída dos boteiros que son as figuras emblemáticas e máis representativas deste entroido vianés. Ao día seguinte viaxei á terra da miña nai, Niñodaguia, e dende alí gocei no mesmo venres da festa en Maceda á espera do sábado no que se celebraba a baixada da Marela con toda a súa comitiva de corneantes. A verdade é que esta é unha celebración creada recentemente e inspirada noutras que se realizan na provincia de Ourense coa figura da vaca como eixo central.

Ano tras ano vai gañando peso e o resultado tradúcese na cantidade de xente que se xunta na vila que, aínda sendo moita, non se masifica nin fai que o ambiente perda orixinalidade. Centos de máscaras de cornos, fachos con lume, fariña e retumbar de bombos toman o centro da vila, sen esquecer os auténticos felos das doce parroquias que son o máis xenuíno deste entroido, aínda que o seu esplendor é outro día.

O domingo tocoume ir ver aos felos e as madamas de Esgos que con todo o seu ritual percorreron cada unha das parroquias do concello. Neste caso estaba ofrecido e obrigado como fillo adoptivo deste lugar e a verdade é que gocei de velos en acción por primeira vez e emocionoume poder facelo ao pé da casa dos meus avós, onde naceu meu pai. Unha auténtica marabilla de antigo rito ancestral de chegada da primavera cheo de son e cor.

Pero desta volta tamén quedei pasmado ao coñecer por primeira vez in situ as Casetas da Neve ou neveiros, unhas construcións circulares no alto do Rodicio (Xunqueira de Espadanedo) nas que os monxes cistercienses almacenaban a neve durante todo o ano. Outra auténtica marabilla da nosa arquitectura tradicional que se debería recuperar e poñer en valor.