O caldo de gloria dá vida a Rosalía

Galicia, inzada de homenaxes á poeta no 183.º aniversario do seu nacemento


Redacción / La Voz

A cociña da Casa de Rosalía, en Padrón, volveu ao arrecendo a caldo, cociñado esta vez polo recoñecido chef padronés José Antonio Rivera, nos actos conmemorativos do 183.º aniversario do nacemento da escritora, que precisamente se cumpría onte e que sementou por todo o territorio galego encontros, festexos e homenaxes. Rivera empregou unha receita actualizada con chourizos e ósos de caña de becerro que, lembrou, seguramente non había nos tempos da poeta. O labor, dixo, foi «unha honra».

Xunto a Rivera estiveron tres responsables da Festa do Bolo do Pote de Mazaricos, Laura Prado, Esther Muíño e María García Tuñas, que elaboraron os tradicionais bolos do pote. Co caldo de gloria a fundación busca que «toda Galicia celebre a Rosalía a partir do seu poema Miña casiña, meu lar, no que ela explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia protagonizada por unha muller». O substancioso prato deu paso ao concerto de Sabela King & Benjamín Vázquez, de repertorio rosaliano.

Hai 183 anos, Francisca Martínez collía a recén nada María Rosalía Rita e levábaa dende a compostelá praza de Vigo ata o Hostal dos Reis Católicos, onde foi bautizada. Un camiño que, ao son da música de Carapaus, reproduciu a Fundación Rosalía, incluíndo un lixeiro desvío para unha ofrenda floral na estatua da Alameda. «Nin a nai nin a criada sabían que nos seus colos estaba parte do futuro e da nosa esperanza», lembrou o presidente da entidade, Anxo Angueira, na capela onde foi bautizada. Un lugar no que os versos resoaron na voz de máis dunha quincena de representantes de institucións, colectivos e persoas que apoian o traballo da fundación.

A Asociación de Escritores en Lingua Galega conmemorou en Vigo o Día de Rosalía en colaboración coa Asociación Cultural O Castro cunha ofrenda floral na imprenta Juan Compañel (Real, 12), prelo de onde saíu en maio de 1863 Cantares Gallegos. De seguido puxeron rumbo ao local da Federación de Veciños, onde leron un manifesto e poemas, nun acto aberto aos cidadáns. A Deputación de Pontevedra organizou un paseo pola contorna da Porta do Sol e da rúa Chao, dedicada a un apelido moi ben acaído nesta ocasión polo seu vínculo ao xornalismo e á edición no século XIX (Eduardo e Alejandro Chao). Os colectivos Ás da Industria e Proxecto Educativo Semente organizaron obradoiros e xogos para nenos e, ao coincidir en datas de entroido, animaron aos participantes a acudir disfrazados de Rosalía.

Na Estrada, a Asociación Cultural Vagalumes promoveu unha xornada de diálogo entre escritores do municipio e Rosalía de Castro, recordando a influencia e a relación entre a súa poesía e a obra de Avelina Valladares, García Barros, Varela Buxán e Xosé Manuel Cabada Vázquez, para así achegarse a espazos vitais destes autores e amosar «aos que deron continuidade á obra rosaliana». O colectivo feminista Deza-Tabeirós promovía nas instalacións do museo MOME estradense o taller Rosalía feminista. A luz que alumea o noso mencer.

Na Pobra do Caramiñal realizaron unha ofrenda floral, organizada polo Concello, que incluíu a lectura dun manifesto e un baile tradicional. Non moi lonxe, en Rianxo, sete locais hostaleiros serven, ata o xoves, o caldo de gloria. Ese mesmo xoves, completarán a lembranza da escritora cunha ofrenda floral e a lectura de poemas ante o busto do paseo da Ribeira.

A agrupación cultural Alexandre Bóveda e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega promoveron na Coruña unha lectura pública da obra de Rosalía na sala de exposicións Salvador de Madariaga.

O Concello de Miño levou á rúa lecturas da súa obra. Nenas, nenos e adultos puideron ler fragmentos de poesía e prosa da autora de Follas novas.

No Carballiño, a Biblioteca Municipal comezou o pasado venres un ciclo de obradoiros sobre a escritora. Os días 28 e 29 haberá novos talleres. Na tenda de deseño galego OZOCOgl conmemoraron a data cunha lectura aberta a quen quixese dar voz aos textos da escritora. A música puxérona as pandereteiras Néboa e o cantautor Andrés Fernández.

A rede de museos da Deputación de Lugo agasallou aos visitantes cun caravel e unha lámina.

En Vilagarcía houbo na fin de semana lecturas organizadas tanto polo Concello e o BNG, e xa a semana anterior programouse teatro e espectáculos musicais sobre Rosalía nos centros de ensino. Houbo lectura pública tamén en Cambados. E en Catoira seis locais sumáronse ao proxecto do caldo de gloria, ofrecéndoo como tapa aos seus clientes.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

O caldo de gloria dá vida a Rosalía