A voz de Rosalía resoa no seu 183.º aniversario en Santiago

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

SANTIAGO

Sandra Alonso

A Asociación Veciñal Raigame reivindica que se faga máis visible o espazo no que naceu a escritora na plaza de Vigo, incluso dándolle o seu nome, aínda que a casa foi derrubada hai máis de catro décadas

24 feb 2020 . Actualizado a las 23:24 h.

Hai 183 anos, Francisca Martínez collía a recén nada María Rosalía Rita e levábaa dende a praza de Vigo ata o Hostal dos Reis Católicos, onde foi bautizada. Un camiño que, ao son da música de Carapaus, reproduciu esta mañá a Fundación Rosalía de Castro, incluindo un lixeiro desvío para unha ofrenda floral na estatua da poeta na Alameda. «Nin a nai nin a criada sabían que nos seus colos estaba parte do futuro e da nosa esperanza», lembrou o presidente da entidade, Anxo Angueira, na capela onde foi bautizada. Un lugar no que os versos da autora de «Follas Novas» soaron na voz de máis dunha quincena de representantes de institucións, colectivos e persoas que apoian o traballo desenvolvido pola fundación, así como con música, con Sabela King e Benxamín Vázquez, que esta noite volverán a estar.

A celebración do aniversario de Rosalía empezou na praza de Vigo, onde soou a primeira alborada e houbo ofrenda floral, lembrando a casa na que naceu Rosalía, que foi derrubada hai máis de catro décadas. «Non queda a casa, pero si o espazo», lembrou Anxo Angueira, que anunciou o apoio da Fundación ás reivindicacións da Asociación de Veciños Reigame do Ensanche para poñer en valor esta zona e o seu acondicionamiento. Precisamente, o representante veciñal Xosé Manuel Durán, que se sumou á actividade, instou a «facer máis visible» esa zona, incluso poñéndolle o nome de Rosalía á praza. Tamén na lectura de versos, Durán escolleu o poema dedicado ao cruceiro de Ramírez -na actualidade fóra do Ensanche-.

Nas actividades participaron en torno a medio cento de persoas, entre elas, o presidente da RAG, Víctor Freixanes; do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a concelleira de Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón; representantes da Deputación da Coruña; así como os alcaldes de Padrón e Dodro, representantes do Concello de Tomiño; e membros da Fundación Pondal, así como persoas que apoian á Fundación Rosalía, como a libraría Pedreira ou Carme Hermida.Durante máis dunha hora, a voz de Rosalía resoou nesa capela na que foi bautizada a través da lectura dos seus versos, pero tamén con versos propios, como os de Matilde Vilariño, da Fundación Pondal: «Non veu cun pan baixo o brazo, senón cunha poesía (...) Por onde queira que vaiamos, sempre estará Rosalía». 

Durante as actividades, a concelleira Mercedes Rosón definiu a Rosalía como «a galega máis universal» e lembrou que nun século onde tantos as mulleres como o galego estaban silenciados, a escritora «deulle voz ao noso idioma e ás nosas mulleres». Ademais, reinvindicou o seu legado porque «183 anos depsois do seu nacemento, os seus poemas e os seus textos están máis vivos ca nunca». Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, lembrou que poucas culturas teñen como referente a unha muller e apostou por tralsadar ás próximas xeracións a «valentía, calidade literaria e altura de miras» que tivo a autora.