Fernando Venâncio: «A aproximación ao español afastou o portugués do galego»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Venâncio lanza nestes días o seu último libro na Coruña, Vigo e Santiago
Venâncio lanza nestes días o seu último libro na Coruña, Vigo e Santiago SANDRA ALONSO

O estudoso da lingua defende unha visión diferente da historia, en contra do discurso máis aceptado de que o idioma luso naceu coa nación

29 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

En contra do discurso de que o idioma portugués naceu coa nación, o lingüista e historiador da lingua Fernando Venâncio (Mértola, Alentexo, 1944) defende unha visión diferente: «Até 1400 a lingua de Portugal foi o galego. Despois tivo tres séculos de intensa españolización, e a partir de 1730 iniciou unha nova etapa, virada para Francia», afirma. Hai varios anos que este especialista, que desenvolveu a súa carreira na Universidade de Amsterdam, destaca a castelanización da lingua portuguesa en diferentes aspectos. Agora, en Assim nasceu uma língua -volume que lanzou este outono en Portugal e que esta semana presentou en Vigo e A Coruña, e ás 19.30 horas deste venres farao en Santiago (onde Venâncio estará con Víctor F. Freixanes e Henrique Monteagudo)-, defende o resultado dun estudo de moitos anos sobre as orixes do portugués. É este un libro que «vai ter algunha dificultade» para ser aceptado en Portugal, admite, por relatar a que valora como de «unha triste historia» e «unha mensaxe pouco agradábel para a lingüística histórica portuguesa».

Venâncio afirma que «en Portugal herdamos o galego porque era a lingua dispoñíbel, a que existía, non había outra». Esa lingua ten entre as súas marcas principais a caída do n e o l entre vogais. «A importancia do español comeza coa batalla de Aljubarrota, en 1385, onde Portugal gaña desde o punto de vista político e militar a Castela e desenvolve unha especie de autoconfianza nacional. Comeza a partir de aí a conquista de África, desde 1415, e outros procesos lentos, que levan a historiadores da lingua como Ivo Castro a sinalar o ano 1420 como decisivo para o futuro da lingua. Eu indico 1450, para maior seguridade, porque é un tempo de paz con Castela, con atractivo pola moda de vestir de Toledo, e comeza tamén unha maior referencia cultural e lingüística portuguesa respecto a Castela. Portugal promoveu unha lingua nova, desde Lisboa; afastada da variante norteña, pois o Norte pasou para unha situación periférica e secundaria tras ser derrotada militarmente en 1385 a nobreza galega, e a do norte de Portugal ligada a Galiza, que tomaran partido polo rei de Castela».

É por iso, acrecenta, que «desde 1450, e durante séculos, practicamente desaparecen as referencias a Porto e a Braga, que tiñan sido cidades importantísimas. Portugal promoveu unha lingua separada da variante norteña, galega e portuguesa tamén. No meu libro indico ese proceso de desgaleguización. A miña novidade é que se trata dunha castellanización», insiste.

Lingüistas portugueses explican a recuperación do n e do l intervocálicos por un proceso de relatinización, e Venâncio afirma que «é un proceso de castellanización, como a entrada de centos de palabras castellanas [entre elas, castellano] no portugués, moitas hoxe de uso corrente, e que non admiten o dicionario da Real Academia Galega e outros dicionarios galegos.

Foi así como a aproximación ao castellano afastou o portugués do galego; porque o castellano era unha lingua forte, prestixiosa en toda Europa, e Portugal procuraba o contaxio dese prestixio, esa é a parte ideolóxica da cuestión. Tamén era lingua de uso habitual na Corte, da música relixiosa e profana, dos confesores, os pregadores, dos estudos ou dos libros de poesía impresos».

«Entre o 2004 e o 2019 tiven un debate intenso na Internet con galegos e non conseguín nada, só inimizades»

Venâncio discrepa así do «discurso nacionalista maioritariamente vixente na lingüística portuguesa, para o que parece que o portugués comezou por volta do ano 1100 miraculosamente, como lingua diferente do galego». Admite que Ivo Castro ou Esperança Cardeira defenden argumentos na súa liña, «aínda que acaban por asumir ese nacionalismo, que é un mito lingüístico», afirma.

Venâncio tivo os últimos anos moita relación con Galicia. Afirma que Ricardo Carvalho Calero non tivo sucesor como gramático, e faltan especialistas en historia da lingua: «Entre o 2004 e o 2019 tiven un debate intenso na Internet con galegos e non conseguín nada, só inimizades», di.