O xurado destaca a súa obra literaria e ensaística e, sobre todo, a súa defensa dos dereitos de expresión e opinión e a reivindicación do papel da muller na literatura e na sociedade
23 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.A oitava edición do premio Voz de Liberdade que concede o Centro PEN Galicia vén de recaer na escritora Marina Mayoral. O xurado tivo en conta a súa obra literaria e ensaística e investigadora, cos seus traballos sobre Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Valle-Inclán, e, «sobre todo, a súa constante defensa do dereito de expresión e de opinión e a reivindicación do papel da muller no ámbito da literatura e da sociedade en xeral».
O xurado estivo formado por Luís González Tosar, Ánxela Gracián, Bieito Iglesias, Xabier Castro Martínez, Inma López Silva, Pablo Rubén Eiré, Luís Menéndez, Xosé Ramón Pena e Manuel Guede. Mayoral recibirá o galardón, unha peza orixinal do escultor Acisclo Manzano, no transcurso dun acto literario que terá lugar na segunda quincena de novembro. En anteriores edicións o premio recaeu en Bernardino Graña, Úrsula Heinze, Francisco Fernández del Riego e Isaac Díaz Pardo, Marcos Valcárcel, María Xosé Queizán, Salvador García-Bodaño, Arcadio López Casanova ou Méndez Ferrín.