Documentos para recuperar a historia e o esplendor de Montederramo

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Santi M. Amil

O Consello da Cultura Galega presentou o libro sobre a súa colección no mosteiro ourensán

18 sep 2019 . Actualizado a las 13:28 h.

O mosteiro de Montederramo podería ser a imaxe fixa do desmantelamento e a desaparición do poder relixioso no medio rural galego logo da desamortización. Do esplendor e puxanza secular pasou a ser o exemplo da vergoña: unha panadaría nun dos claustros, a leña para o forno arrombada contra as históricas columnas, unha taberna na fachada principal e as pitas campando polo que en tempos foi un dos centros de poder de Galicia. Algunhas desas circunstancias mudaron, e outras seguen facendo do mosteiro un lugar recorrente á hora de falar de casos singulares: quen o desexe ten a posibilidade de mercar a vivenda que ocupa parte da fachada principal e dá a un dos claustros. Hai anos que está á venda.

Dende a Consellería de Cultura fíxose unha aposta decidida por recuperar un dos espazos senlleiros do patrimonio galego e hai anos que se rehabilitou a igrexa do mosteiro. A mesma converteuse en referencia para unha cita histórica, ao acoller en xaneiro deste ano a primeira entrega dos Premios da Cultura Galega que se celebrou fóra de Compostela.

Aposta de Ramón Lorenzo

E o conxunto patrimonial ourensán volveu reivindicar o seu esplendor, o seu legado e a súa historia na presentación do libro Mosteiro de Montederramo. Colección documental e índices,de Ramón Lorenzo. No acto do Consello da Cultura Galega participaron onte a súa presidenta, Rosario Álvarez, o da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o alcalde de Montederramo, Antonio Rodríguez, e o director do Instituto da Lingua Galega, Xosé Luís Regueira.

Tres décadas de traballo que o autor recoñecía froito dunha aposta persoal. «O meu interese son os textos medievais e había traballos xa feitos -con textos ben lidos, mal lidos ou ata mal transcritos- de varios mosteiros, entre outros San Pedro de Rocas, Santo Estevo, Melón e outros. Daquela apostei por facer o traballo cos documentos de Montederramo, e foi un gran acerto», sinala Ramón Lorenzo. En conxunto son máis de 1.800 os documentos que forman o proxecto -recollido en tres volumes e ao que se pode acceder libremente na páxina web do Consello- e os mesmos abranguen dende 1124 a 1506. O percorrido dá conta «do grande poder deste mosteiro, con posesións que chegaban ata Quiroga, Monforte, Verín, Portugal, Ourense ou Zamora, entre outros moitos lugares. E das liortas e pleitos, como os que se mantiveron co Conde de Lemos, ou algúns casos singulares».

Desenterrar a unha morta

Entre estes últimos cita o dun condeado a morte que, axoenllado e cos ferros, acorda facer testamento a favor do mosteiro ou o pleito de Montederramo con Torbeo por unha herdanza. «Unha muller acordara deixar todas as súas propiedades a Montederramo, onde pediu ser soterrada. Un pouco enganada polo abade de Torbeo, alí foi enterrada e o mosteiro quedou coas propiedades. Montederramo denunciou, e, logo dun xuízo grande, a muller foi desenterrada e enterrada en Montederramo», lembra Ramón Lorenzo. Tamén se constata a presenza de xudeus, xa que hai un veciño que ve como todas as súas propiedades son embargadas e sacadas á poxa ao non poder satisfacer a débeda contraída co prestamista.

A documentación do mosteiro sobre a que traballou o investigador está depositada no Arquivo Histórico Nacional de Madrid -a maior parte-, no Arquivo da catedral de Ourense -«que en principio non tiña que estar aí porque debía ser remitida ao Arquivo Nacional, pero alí apareceu, xunto coa de outros mosteiros, nun arcón grande todo cheo de cadeados»- e o Arquivo Histórico Provincial de Ourense.

Entre documentos reais, cartas papais, contratos, disputas, cesións de terras, arrendamentos e demais está o que data de 1124 e contén a cita histórica da Rivoyra Sacrata (Ribeira Sacra).