Borges e Internet

CULTURA

16 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai unha chea de admiradores do escritor arxentino Jorge Luis Borges que parecen empeñados en presentalo como un precursor ou anunciador indiscutible da chegada de Internet. Mesmo algúns estudosos, sobre todo nos EUA, semellan velo como un ciberautor de moda, un prefigurador da realidade virtual e tamén como un anunciador dos tempos presentes. O feito de que o escritor morrese en 1986 non os detén á hora de consideralo «un visionario do futuro» e, xa que logo, do Internet actual.

A realidade é que Borges soñou unha Biblioteca Universal con todos os libros do mundo sabiamente distribuídos, e nisto poderíase ver a súa parentela coa World Wide Web, onde se acumula toda clase de informacións, desde perlas culturais a ciberlixo.

O que non se pode negar é que no seu libro Ficciones (1944) está o conto titulado A biblioteca de Babel, que proxecta a intuición do que Borges cre que é unha necesidade: converter o lector nun axente activo, sen distraelo con argalladas inútiles. Pero converte isto ao arxentino nun precursor ou anunciador de Internet? Non, pero si que exemplifica como se abren paso as evolucións e como poderían mellorar algúns principios básicos de Internet. Porque Borges non era un visionario consciente do futuro Internet, pero si que tiña unha visión -aínda que non tecnolóxica- dese futuro. Por iso imaxinou unha Biblioteca Universal (algo cultural) e non unha Tecnolóxica Multiusos.

Debería quedar claro, pois, que a achega xenial de Borges é literaria, na forma e no fondo. Mais isto non lle resta o valor auroral dos profetas que anuncian novidades que logo se abren paso por outros camiños, sobre todo tecnolóxicos. Por iso sería formidable unha conversa entre o escritor arxentino e o fundador de Apple, Steve Jobs, ou o de Facebook, Mark Zuckerberg. Algo que xa non é posible.

Coido que o visionario Borges non sería hoxe un partidario deste Internet no que todo se mestura e onde é moi difícil separar as certezas das fake news e demais trapalladas que enchen as redes. Borges librou disto. Morreu antes de que se destruíra o seu soño dunha rede capaz de albergar con rigor todo o coñecemento humano.